Comesaña agradece aos expertos en déficit Alfa 1 das sete áreas sanitarias do Sergas o desenvolvemento do proceso asistencial integrado desta enfermidade

O documento nace coa finalidade de axudar e optimizar o proceso diagnóstico e seguimento de pacientes con esta patoloxía, que está a ser revisado e que se prevé que poida ser publicado proximamente

Galicia é unha referencia na abordaxe desta patoloxía, grazas aos seus profesionais, contando a nosa comunidade con consultas monográficas de atención ao déficit de Alfa 1 antitripsina en todas as súas áreas sanitarias

Vigo, 22 de abril de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe o traballo que realizaron os profesionais expertos en déficit Alfa 1 das sete áreas sanitaria de Galicia, coa colaboración das asociacións de pacientes, no desenvolvemento do Proceso Asistencial Integrado de déficit de Alfa 1 antitripsina. Este documento, -dixo o responsable do Sergas-, nace coa finalidade de axudar a optimizar o proceso diagnóstico e o seguimento dos pacientes con esta patoloxía que, na actualidade, está a ser revisado, e que se prevé que, proximamente, poida ser publicado, supoñendo un importante avance na mellora na atención desta patoloxía.

O titular da carteira sanitaria pronunciou estas palabras no Hospital Álvaro Cunqueiro, con motivo da clausura da Xornada de Divulgación do Déficit de Alfa 1 Antitripsina (DAAT), cuxo día mundial ten lugar o 25 de abril. No acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente Prieto.

Esta enfermidade xenética, pouco frecuente e infradiagnosticada, pode causar patoloxías pulmonares e hepáticas a quen a padece, provocando grave afectación na calidade e esperanza de vida dos pacientes, polo tanto é importante, -dixo o conselleiro-, incrementar o seu coñecemento entre os profesionais sanitarios, así como optimizar o acceso dos doentes a unha consulta especializada, permitindo que se aborde de xeito integrado o proceso diagnóstico, o seguimento clínico e o tratamento específico, así como o estudo familiar e o consello técnico.

Consultas monográficas en todas as áreas sanitarias

Segundo subliñou o titular da carteira sanitaria, Galicia é unha referencia na abordaxe desta patoloxía grazas aos seus profesionais. Así, a nosa comunidade, conta con consultas monográficas de atención ao déficit de Alfa 1 antitripsina en todas as súas áreas sanitarias.

Os profesionais destas unidades traballan en rede na toma de decisións terapéuticas sobre os pacientes, grazas ao comité clínico desta enfermidade, conformado por oito membros, sete neumólogos e un farmacéutico de hospital.

Tal e como indicou Comesaña, a través do aplicativo informático SOLES, vencellado á historia clínica electrónica, o facultativo introduce a solicitude de tratamento para o paciente, que ten que ser revisada e avalada por outros facultativos deste comité clínico. Galicia é a única comunidade que conta con este sistema, garantindo a máxima seguridade no tratamento.

En concreto, o conselleiro destacou da consulta monográfica do Hospital Álvaro Cunqueiro, posta en marcha polo servizo de Neumoloxía, a súa coordinación coa atención primaria, e por ser unha das cinco unidades desta patoloxía acreditadas como especializada con excelencia, a terceira de España en conseguilo. Ademais, recibiu a máxima certificación de calidade que concede a Sociedade española de Neumoloxía, máximo recoñecemento a nivel estatal neste eido, sendo referente rexional e internacional.

A consulta do Cunqueiro ten diagnósticados e en seguimento a 200 pacientes con déficit moderado e grave, realizando ao redor de 400 consultas ao ano. Ademais, -concluíu o conselleiro-, este hospital destaca por ser a sede do Centro Galego Alfa 1, que traballa en diversas liñas de investigación e innovación desta enfermidade.

Data de actualización: 22/04/2023