Galicia lidera os traballos para axudar aos estados membros a incluír os aspectos socioeconómicos nos plans europeos de ordenación do espazo marítimo

O Centro Tecnolóxico do Mar participa como coordinador no proxecto Remap para o desenvolvemento dun módulo que dote os POEM desta dimensión socioeconómica, unha ferramenta que xa foi presentada con éxito ante a Unesco


A proposta do grupo de expertos para integrar a información neste eido presentarase o vindeiro martes nunha reunión organizada pola Comisión Europea en Grecia
 

Vigo, 23 de abril de 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, está a liderar un grupo de expertos que traballa para axudar aos estados membros da Unión Europea a incluír toda a información relacionada cos aspectos socioeconómicos das actividades humanas desenvolvidas no mar e xestionadas nos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

O obxectivo é apoiar aos países a desenvolver e actualizar os seus respectivos plans, que inclúen información medioambiental ou biolóxica, dotándoos dunha dimensión socioeconómica da que ata agora carecían na maioría dos casos. Os resultados deste labor serán presentados o vindeiro martes na reunión do grupo de expertos dos estados membros sobre ordenación do espazo marítimo que a Comisión Europea organiza en Santorini, Grecia.

O centro dependente da Xunta colabora desde 2020 no primeiro grupo de expertos constituído polo Executivo comunitario para establecer regras coas que harmonizar a información dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, de xeito que os países membros poidan ordenar as actividades que se desenvolven no mar de xeito uniforme. De feito, países como Italia, Francia, Dinamarca ou Finlandia xa aplican esas regras nos seus plans.

Esta liña de traballo continuou desde entón e, desde finais de 2022, a fundación galega forma parte do consorcio do proxecto Remap, xurdido a partir deste grupo de expertos e financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). Esta acción céntrase nos labores de seguimento, avaliación e revisión dos plans presentados por cada un dos estados membros e o Cetmar centra o seu labor no desenvolvemento dun módulo de seguimento de aspectos socioeconómicos e de gobernanza no ámbito dos POEM.

Os avances neste eido foron presentados polo Centro Tecnolóxico do Mar na II Conferencia Internacional dos Océanos da Unesco, un foro mundial celebrado recentemente e onde a proposta da institución galega tivo moi boa acollida.

EMODnet

Complementariamente a todo este labor, a Fundación Cetmar é membro activo da Rede Europea de Observación e Datos Mariños (EMODnet), coa que colabora desde 2013 no envorcado de información relacionada coas actividades humanas no mar, onde está a incluír agora os mapas dos plans de ordenación dos espazos marítimos.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/04/2023