A Xunta executou traballos preventivos en montes do distrito forestal XII Miño-Arnoia

A finalidade destas actuacións é xestionar a biomasa en áreas declaradas de alto risco de incendios forestais para así protexer e defender os montes contra os lumes


Os traballos consistiron en rozas mecanizadas de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pistas forestais entre outras actuacións nos concellos de Allariz, Baños de Molgas, A Bola, Ourense, Taboadela, Toén e Xunqueira de Ambia
 

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023 A Consellería do Medio Rural executou diversas actuacións preventivas en montes do distrito forestal XII Miño-Arnoia, co obxectivo de xestionar a biomasa en áreas declaradas de alto risco de incendios forestais. En concreto, nos concellos de Allariz, Baños de Molgas, A Bola, Ourense, Taboadela, Toén e Xunqueira de Ambia.

 

Así, os traballos nas áreas cortalumes abarcaron unha superficie de 52,69 hectáreas e consistiron na roza e eliminación da parte de mato de xeito manual e mecánico, co fin de crear e mellorar as liñas de defensa, dificultar a propagación do lume e facilitar os traballos de extinción nestas zonas estratexicamente localizadas.

 

Tamén se procedeu ao mantemento de faixas auxiliares mediante roza e eliminación da matogueira das pistas forestais nunha superficie de 10,72 hectáreas. Desta forma, evítase a propagación e diminúese o risco de incendios forestais, ademais de facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción de incendios.

 

No tocante ás accións de tratamentos silvícolas, estas consistiron en poda baixa, é dicir, na corta das pólas baixas do arborado. Tamén se executou unha descontinuidade vertical de vexetación en montes do concello de Baños de Molgas, nunha superficie de 2,50 hectáreas, de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer así os principais valores naturais existentes nela. Todas estas actuacións enmarcáronse dentro do Plan Preventivo da Consellería do Medio Rural. 

 

Neste senso, cabe destacar a recente aprobación do Plan preventivo 2024, o cal prevé actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre creación de puntos novos e mantemento dos existentes. No que se refire ás queimas prescritas, entre abril deste ano e marzo de 2024 está previsto executalas en máis de 2.100 hectáreas. O Plan contará cun orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17% de aumento con respecto ao de 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2023