A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou na primeira reunión dun grupo focal do proxecto de investigación europeo Rustik

As aldeas modelo impulsadas pola Xunta posiciónanse como laboratorios vivos dentro do proxecto comunitario Rustik a prol da transición cara a un rural sustentable

Rustik é un proxecto de investigación de catro anos de duración (2022-2026) financiado polo programa Horizon da Unión Europea

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, é un dos socios desta iniciativa que busca reforzar os procesos de transición cara a comunidades rurais máis resilientes, inclusivas, saudables e verdes

En total, participarán 31 socios procedentes de 10 países europeos (España, Austria, Alemaña, Eslovenia, Francia, Finlandia, Bulgaria, Italia, Polonia e Reino Unido)

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

As aldeas modelo impulsadas pola Xunta no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia constitúen unha das 14 iniciativas seleccionadas como espazo privilexiado para poñer en marcha laboratorios vivos dentro do proxecto Rustik, un proxecto de investigación de catro anos de duración (2022-2026) financiado polo programa Horizon da Unión Europea. Esta semana vén de celebrase a primeira reunión dun grupo focal en Galicia de cara ao diagnóstico e posta en marcha.

No proxecto participan 31 institucións de 10 países co obxectivo de contribuír ao deseño de estratexias, políticas e iniciativas por parte dos residentes nas áreas rurais e a Administración para conseguir unha transición sustentable das áreas rurais de Europa. O proxecto centra a súa atención principalmente na caracterización da diversidade das áreas rurais a través dun enfoque participativo e de coaprendizaxe dentro de 14 Living Labs en rexións piloto de características moi diferentes e localizados en oito países europeos. Este proxecto trata de mellorar a metodoloxía para recoller e analizar a información relevante para unha mellor comprensión e resposta das necesidades funcionais das áreas rurais aos retos que afrontan.

O pilot region partner (socio da rexión piloto) de Galicia é a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que ten o papel de identificar as probas a desenvolver que axuden a solucionar problemas relevantes e de conectar cos axentes relevantes da rexión, mentres  a Universidade de Santiago de Compostela sería a responsable de desenvolver e aplicar a metodoloxía.

Esta primeira reunión dun grupo focal de axentes interesados da rexión piloto de Galicia pretende contribuír ao diagnóstico inicial das áreas piloto escollidas en cada país participante. É a primeira das diferentes reunións que se irán organizando ao longo da duración do proxecto e nas que se irán convidando diferentes actores interesados e relevantes na temática, tanto da Administración como da sociedade civil e do ámbito académico. Nesta primeira reunión veñen de participar, entre outros, os alcaldes das aldeas modelo de Penedo (Boborás) e Meixide (A Veiga), así como veciños e os gandeiros que están actualmente a desenvolver a súa actividade nestas aldeas. Por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiron a directora xeral, Inés Santé, e o subdirector de Mobilidade de Terras, Alfredo Fernández.

Data de actualización: 21/04/2023