A Xunta de Galicia avalía coa sociedade Impulsa a futura Lei de recursos naturais

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta semana nunha nova reunión que forma parte da rolda de consultas que se está realizando cos diferentes sectores para lograr unha norma consensuada

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado dos conselleiros de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e do Medio Rural, José González, participou esta semana nunha reunión na que se informou ao comité técnico da Sociedade Impulsa sobre o inicio de tramitación da futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

A futura norma establecerá que as declaracións de impacto ambiental avalíen os efectos sociais e económicos dos proxectos, entre eles aspectos como a participación de investidores locais, a creación de emprego na zona, a redución dos custos da enerxía e a preservación de bens culturais e naturais.

Esta análise social e económica servirá tamén para determinar en que proxectos poderá participar a futura utility, unha compañía na que participará a Xunta de Galicia xunto con outros axentes públicos e privados para que parte dos beneficios que aproveiten recursos naturais teñan un impacto directo positivo en toda Galicia.

Galicia segue apostando, por tanto, por un aproveitamento dos recursos naturais planificado, garantista desde o punto de vista ambiental e que busca un impacto positivo na sociedade e na industria.

A reunión forma parte da rolda de consultas que se iniciou a finais de marzo para coñecer a opinión de diferentes sectores profesionais e axentes sobre esta norma que busca que a futura lei sexa consensuada e o máis completa e beneficiosa posible para todos os galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2023