A Xunta colabora nun estudo que conclúe que os animais da Illa de Sálvora contribúen á conservación das plantas autóctonas da zona

A investigación confirma que cabalos, cervos e outros herbívoros contribúen á dispersión de sementes das especies vexetais propias do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

A Xunta colabora nun estudo que realizan investigadores da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e da Universidade da Coruña que confirma que os animais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia contribúen á conservación da biodiversidade dos hábitats dispersando as sementes das plantas autóctonas.

Máis concretamente, a investigación achega que, ao alimentarse dos froitos das propias plantas, os herbívoros da Illa de Sálvora espallan a través dos seus excrementos as sementes que inxiren por todo o territorio.  

Para chegar a esta conclusión, o traballo consistiu na análise das feces dos cabalos, cervos e coellos que habitan a zona. Realizáronse 5 mostraxes en distintas áreas da illa e en diferentes épocas do ano para garantir a maior variabilidade e fiabilidade dos resultados. Unha vez recollidas as mostras, colocáronse en bandexas e dispuxéronse nun invernadoiro para contabilizar as sementes que acababan xerminando e identificar a especie á que pertencían. En total, brotaron 4000. 

Esta relación entre animais e plantas, tal e como recolle o estudo, determina a composición dos ecosistemas, especialmente naqueles onde os recursos son escasos. Por este motivo, a Illa de Sálvora é un escenario ideal para que as poboacións estables de animais actúen como dispersores das especies vexetais, un labor aínda máis interesante cando os exemplares espallados son endémicos -como a Iberodes littoralis- ou están ameazados -como a Erodium maritimum-. 

Ademais, a investigación constata que o mes de agosto é o momento do ano no que se produce unha maior propagación de sementes e que, dentro dos animais observados, o cabalo é o que máis activamente contribúe a ela.

Data de actualización: 22/04/2023