A Xunta recibe 5 ofertas para executar un aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido en Ribadumia, cun investimento de preto de 480.000 euros

Habilitarase un aparcadoiro de 77 prazas na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés e a VG-4, no núcleo de Barrantes, con 2 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 5 meses
 

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

A Xunta recibiu 5 ofertas de empresas para executar as obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Ribadumia.

Este novo aparcadoiro na comarca do Salnés, cuxas obras foron licitadas por preto de 480.000 euros, situarase na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4, no núcleo de Barrantes, en Ribadumia.

Este estacionamento disuasorio distribuirase nunha superficie de 2.815 m2 sobre unha explanada adxacente á estrada provincial EP-9405 e bordeada polo rego de San Martiño, xa dedicada a estacionamento de vehículos. Terá unha capacidade de 77 prazas, todas en batería, con dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Do total de prazas, 26 disporanse nunha illa central que se rodeará dunha franxa perimetral para tránsito peonil de 1,80 metros e carrís de circulación que serán de 4,20 metros de ancho e de sentido único. O resto das prazas disporanse nos bordos da estrada e do leito do río separadas destes por unha beirarrúa de 2,50 metros de ancho.

Nesta actuación intervirase no perímetro exterior do aparcadoiro e na illa central, para dispor unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá arborado e o alumeado. Ademais, para o acceso ao aparcadoiro acondicionarase o viario de acceso existente reforzando o firme en todo o ancho da plataforma, elevando o paso de peóns existente e executando un paso de peóns novo.

O aparcadoiro disporá tamén de 80 metros de varanda para protexer a caída ao leito do río San Martiño e 52 metros de valado para illar a finca colindante.

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 5 meses.

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 23/04/2023