Un total de 10 empresas presentan as súas ofertas para executar a mellora do firme en 3 estradas da Xunta da provincia de Lugo, cun investimento de 2,1 M€

Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas LU-231, LU-232 e LU-115, nos municipios de Lugo, Friol, Palas de Rei, Castro de Rei e Outeiro de Rei

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses, inclúen fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 10 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas da provincia de Lugo, que suporán un investimento de 2,1 millóns de euros.

As actuacións que se van levar a cabo consisten na rehabilitación do firme en varios treitos das estradas LU-115, que conecta Outeiro de Rei con Castro de Rei; a LU-231, entre Friol e Palas de Rei; e a LU-232 entre Friol e Lugo. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

Realizaranse fresados localizados nos treitos de actuación e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

Data de actualización: 22/04/2023