A Xunta recibe 6 ofertas de empresas para executar o aparcadoiro disuasorio na zona de Ameal, no concello de Marín, cun investimento de preto de 650.000 €

Este novo aparcadoiro emprazarase nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 e contará cunha superficie total de 3.000 m²

Disporá de 82 prazas, 3 delas reservadas para persoas con mobilidade reducida e contará coa preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos

Incorporará unha marquesiña para facilitar o acceso ás liñas de autobús, atendendo a petición do Concello de Marín
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

A Xunta vén de recibir 6 ofertas de empresas para executar o aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na contorna do núcleo de Ameal, no concello de Marín, cun investimento de 647.065 euros.

Este novo aparcadoiro emprazarase nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 e contará cunha superficie total de 3.000 m².

O aparcamento disporá dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Ademais, tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.

As prazas terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación.

Nas obras prevese a habilitación de itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.

Ademais, a petición do Concello de Marín, as obras incorporarán a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 22/04/2023