A Xunta presenta o seu proxecto Artesanía no prato a profesionais do turismo e da artesanía de toda a península

A Fundación Artesanía de Galicia coorganiza a Conferencia Hispano Lusa de Artesanía e Turismo “Materia Prima”, que se está a celebrar en Mérida e na localidade portuguesa de Portalegre

A xerente da Fundación, Elena Fabeiro, participou no evento xunto cos ceramistas Laura Delgado e Alberto Lista e os cociñeiros Xoán Crujeiras e Lucía Freitas

Na programación inclúense mesas redondas sobre artesanía e gastronomía, showcookings con produtos certificados de Galicia Calidade e mais unha exposición fotográfica sobre o proxecto Artesanía no Prato
 

Portalegre (Portugal), 21 de abril de 2023

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación coorganiza a Conferencia Hispano Lusa de Artesanía e Turismo “Materia Prima”, xunto co Centro de Referencia Nacional de Artesanía, o Centro de Referencia Nacional de Agroturismo en Mérida, a Escola de Hostalería e Turismo de Portalegre (Portugal) e o Centro de Referencia Nacional de Aloxamento de Mijas (Málaga).

O evento xérase a partir do proxecto Artesanía no Prato, impulsado pola Xunta, e busca debater sobre a relación entre artesanía, turismo e gastronomía nas diferentes comunidades autónomas e en Portugal. O encontro estase a celebrar desde o mércores en Mérida e hoxe trasladouse ata a localidade portuguesa de Portalegre. Está baseado no concepto da materia prima como elemento común e imprescindible tanto na artesanía como na gastronomía e no turismo rural, vinculado ao valor e á identidade dos diferentes proxectos de obradoiros artesanais, restaurantes ou aloxamentos que busquen diferenciarse.

Na programación inclúense mesas redondas sobre artesanía e gastronomía, showcookings, nos que colabora Galicia Calidade con produtos certificados pola marca e mais unha exposición fotográfica sobre o proxecto Artesanía no Prato, dúas veces finalista nos Premios Nacionais de Artesanía e catalogado como boa práctica do Programa Crafts CODE da Unión Europea.

O mércores e o xoves, o evento desenvolveuse na Escola Superior de Hostalería e Agroturismo de Estremadura (Mérida), onde a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou na mesa redonda de “Proxectos Colaborativos Artesanía e Gastronomía”. O obxectivo desta mesa redonda foi analizar as experiencias nas que se ten xerado unha hibridación entre artesanía e gastronomía e/ou turismo, poñendo en valor éxitos, vantaxes, eivas e oportunidades para unha formación transversal.

Os showcookings Galicia correron a cargo da chef Lucías Freitas, dos restaurantes composteláns A Tafona (Estrela Michelín) e Lume, e de Xoán Crujeiras (Restaurante Bido, A Coruña), que realizaron as súas demostracións a partir de produtos de Galicia Calidade e empregando como soporte pezas da marca Artesanía de Galicia.

Tamén na tarde do xoves desenvolveuse a Mesa de “Experiencias de Artesanía e Gastronomía: Binomios de éxito”, na que a ceramista Laura Delgado (Cambre), gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022, e a cociñeira Lucía Freitas falaron do seu traballo conxunto. Hoxe venres, a Conferencia trasladouse ata a Escola de Hostalería e Turismo de Portalegre (Portugal) onde o ceramista Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños) impartiu unha charla sobre “A innovación tecnolóxica na cerámica”.

Artesanía no Prato

A Conferencia Hispano Lusa de Artesanía e Turismo inclúe unha mostra fotográfica do proxecto Artesanía no Prato, impulsado pola Xunta desde o ano 2013 co obxectivo de establecer colaboracións entre os sectores da artesanía e da gastronomía. Artesanía no Prato busca aproveitar as sinerxías entre estes dous sectores de xeito que se enxalcen mutuamente. A fusión da artesanía coa hostalería e coa restauración reforza a súa visibilización e posicionamento e permite combinar cualidades para crecer xuntos en exclusividade e valor engadido. Apóstase pola calidade, pola innovación e pola creatividade, fomentando experiencias con novos soportes e materiais que impriman carácter e personalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023