Diego Calvo destaca a figura dos procuradores como “aliados estratéxicos na modernización da Xustiza”

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou no acto de celebración do patrón deste colectivo organizado polo Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña

A Coruña, 21 de abril de 2023  O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto organizado polo Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña con motivo do seu patrón, onde destacou a figura dos procuradores como “aliados estratéxicos na mellora da Administración de Xustiza e cooperadores necesarios nos plans de modernización”. O evento contou tamén coa presenza do director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

Na súa intervención o vicepresidente segundo referiuse á forza e o arraigo destes profesionais, demostrado no “grao de relevancia no desenvolvemento procesual, na extensión por todo o país ou no elevado nivel técnico das súas actuacións”. Nesta liña, apuntou á relevancia do seu labor a prol da axilidade, simplificación, seguridade e eficacia na execución xudicial.

Para Diego Calvo, a consolidación desta figura de longa historia pasa tamén pola forza da representación colectiva a través de entidades como o Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña e o apoio das administracións. O vicepresidente segundo incidiu no compromiso da Xunta con estes profesionais, cos que mantén diferentes liñas de colaboración a través do Consello Galego de Procuradores e do propio colexio coruñés.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023