Lorenzana destaca en Pontevedra a importancia de apostar polo talento xuvenil e polo benestar laboral nas empresas para incrementar a calidade no traballo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de Saraiva Senior, beneficiaria das axudas Talento 30 de impulso á contratación e formación da mocidade galega

A compañía dedicada á atención de persoas maiores tamén recibiu apoios do programa autonómico para promover a RSE, a igualdade laboral e a conciliación e corresponsabilidade

Pontevedra, 21 de abril de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor en Pontevedra as instalacións de Saraiva Senior, un centro multiservizos onde se ofrecen diferentes modalidades de atención e acompañamento ás persoas maiores, combinando servizos de envellecemento activo, centro de día e aloxamento residencial que ofrecen unha mellora asistencial a través da metodoloxía Atención Centrada na Persoa (#ACP).

Lorenzana mantivo unha xuntanza cos responsables do centro que lle explicaron o modelo asistencial que aplican ao centro, ao tempo que abordaron posibles vías de colaboración no futuro. O centro xa foi beneficiario de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade nos anos 2021 e 2022. En concreto, recibiron apoio a través do programa Talento 30 para impulsar en Galicia o emprego xuvenil e das axudas para promover a RSE, a igualdade laboral e fomentar a conciliación e a corresponsabilidade. Neste senso, Lorenzana salientou a importancia que ten nas empresas apostar polo talento xuvenil e polo benestar laboral para incrementar a competitividade e a calidade do traballo.

Talento 30 é un programa mixto que, ademais de apoiar a contratación, ofrece formación en competencias brandas, demandadas polo mercado laboral actual. A iniciativa, ademais, conta con dúas liñas de axudas: Talento 30 en prácticas para aquelas persoas con titulación e Talento 30 formación en alternancia para aquelas que carecen de cualificación profesional.

En palabras de Lorenzana, con Talento 30 búscase reter o talento das novas xeracións e afianzar o futuro de Galicia “para facer da nosa comunidade autónoma unha terra de oportunidades para as nosas mozas e mozos”.

Para impulsar tamén o benestar laboral, a Xunta ofrece ás empresas axudas para fomentar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Ao respecto, a conselleira referiuse a valores como a innovación, o dinamismo e a flexibilidade para incrementar a competitividade empresarial e a igualdade de oportunidades e destacou tamén as oportunidades laborais que ofrece na actualidade o mercado de traballo que conta, tal e como recordou Lorenzana, con vacantes en diferentes sectores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023