A Xunta licita as obras de mellora do firme en 5 estradas ao paso polas comarcas de Ferrolterra e de Betanzos, cun investimento de máis de 1,3 M€

Actuarase nas estradas AC-102, AC-116, AC-122, AC-133 e AC-160 nos concellos de Cerdido, Cedeira, Narón, Valdoviño, Cabanas, Fene, Mugardos, Fene, Miño e Vilarmaior

As intervencións consistirán na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

Este contrato inclúe tarefas adicionais, como a limpeza e o reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas para executar estas obras, que contan cun prazo de execución de 6 meses, ata o vindeiro 19 de maio

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Ferrolterra e de Betanzos, cun investimento de 1.330.423 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de maio. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Os traballos incluídos neste contrato levaranse a cabo en varios treitos das estradas AC-102, nos concellos de Cerdido e Cedeira; na AC-116, ao paso polos concellos de Narón e Valdoviño; na AC-122, en Cabanas, Fene e Mugardos; na AC-133, no seu percorrido polos municipios de Fene e de Mugardos; e na estrada AC-160, nos concellos de Miño e Vilarmaior.

As actuacións teñen como obxecto a rehabilitación localizada na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 5 estradas, completado as obras co repintado das marcas viarias.

Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.

Data de actualización: 21/04/2023