O espectáculo #MozasNasRedes apoiado pola Xunta para sensibilizar contra a violencia dixital conclúe a súa xira por IES galegos no Otero Pedrayo de Ourense

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu á representación desta obra que mostra diferentes situacións de acoso que afectan ás mulleres a través das redes e lles brinda ferramentas para identificalas e rexeitar esas actitudes

Ourense, 21 de abril de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, asistiu á representación da peza teatral #MozasNasRedes que hoxe concluíu a súa xira por centros escolares galegos no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense. A actividade, apoiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, quere abrir unha reflexión sobre a violencia sexista, promover a pedagoxía do consentimento e xerar pensamento crítico desde as idades máis temperás.

López Abella destacou que con este tipo de actuacións estase a brindar unha proposta didáctica aos centros escolares para traballar con situacións reais e acerca das novas formas de violencia sexual que utilizan como medio as novas tecnoloxías.

“#MozasNasRedes afonda na realidade que agochan detrás do uso das novas tecnoloxías para capacitar a mozas e mozos no uso de ferramentas de detección dos posibles problemas, defender a súa integridade e identificar situacións conflitivas, mesmo delitos de contido sexual, que expoñen ás mulleres e a súa intimidade”, indicou a secretaria xeral.

O espectáculo que hoxe remata o seu percorrido por centros escolares de Galicia, introduce catro mozas adolescentes de diferentes estratos sociais, con diferentes aptitudes académicas e con distintas situacións familiares. Cada unha delas vai presentando como se viu forzada a facer algo que non querían. Todas falan polo seu móbil, polo ordenador e tratan de atopar e distinguir cales son os seus espazos de conflito así como os lugares de confort. Intercalada con cada episodio preséntase unha Tiktoker quen, usando o baile e a música pegadiza, vai divulgando palabras clave que se deben rexeitar ou engadir nas comunicacións en liña.  

A protagonista da obra é Estíbaliz Veiga que, baixo a dirección de Xosé Leis, presenta un espectáculo unipersoal onde se expoñen os camiños e fases do grooming, tomando como punto de partida condutas de acosos en redes sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023