A Xunta recibe 7 ofertas para executar un aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido en San Xoán, no concello de Ferrol

As obras do novo aparcadoiro, licitadas por máis de 615.000 €, comezaranse este ano cun prazo de execución de 6 meses

O novo estacionamento emprazarase nun espazo estratéxico para a entrada e saída da cidade, xunto á glorieta que une o comezo do núcleo urbano da cidade coa FE-13, nunha parcela entre esta estrada nacional, a rúa Souto e a liña de ferrocarril

Disporá de 89 prazas, 3 delas para mobilidade reducida, e estará dotado dun viario de dobre sentido para a entrada e saída a través da glorieta da rúa Souto

A intervención incluirá o reforzo da seguridade dos peóns, cun acceso exclusivo para viandantes que conectará coa avenida Mestre García Niebla, ademais de beirarrúas

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023 A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para a execución dun aparcadoiro disuasorio asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no barrio de San Xoán, no concello de Ferrol.

O aparcadoiro disuasorio, cuxas obras foron licitadas por máis de 615.000 euros, emprazarase nun espazo estratéxico para a entrada e saída da cidade, xunto á glorieta que comunica o comezo do núcleo urbano de Ferrol coa FE-13, nunha parcela entre esa estrada nacional, a rúa Souto e a liña de ferrocarril. A previsión é comezar os traballos este ano, cun prazo de execución de 6 meses.

Este novo aparcadoiro executarase nun espazo adxacente á estrada estatal FE-13, nunha parcela ocupada actualmente por vexetación, na zona próxima ao local da Asociación de Veciños de San Xoán-Bertón, ofrecendo un espazo de estacionamento que reduza a circulación de coches polas rúas e ordene o aparcadoiro. 

Terá un total de 89 prazas de estacionamento a 60º en ambas as marxes, cunha anchura proxectada de 4,80 metros e un viario de circulación de 3 metros de ancho máis 1 metro destinado á manobra de vehículos e a circulación peonil. Do total de prazas, 4 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida. 

Este aparcadoiro disuasorio terá máis de 2.800 m2 e estará dotado dun viario de dobre sentido para a entrada e saída, que se fará a través da glorieta da rúa Souto. 

A intervención obxecto deste contrato incluirá o reforzo da seguridade dos peóns, cun acceso exclusivo para viandantes que conectará coa avenida Mestre García Niebla, ademais de beirarrúas. 

A execución deste aparcadoiro completarase coa dotación de alumeado público, vídeovixilancia, instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación na contorna.

O aparcadoiro disuasorio de Ferrol forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023