A Xunta licita as obras de mellora do firme en 4 estradas ao paso polas comarcas de Lugo e da Terra Chá, cun investimento de preto de 3,5 M€

Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, realizaranse nas estradas LU-111, LU-121, LU-120 e LU-113, no seu transcurso polos municipios de Rábade, Abadín, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza

As intervencións consistirán na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

O prazo para que as empresas interesadas poidan presentar ofertas rematará o 19 de maio

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou as obras de mellora do firme en 4 estradas autonómicas ao paso polas comarcas de Lugo e da Terra Chá, cun investimento de preto de 3,5 M€.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de maio.

As actuacións, que disporán dun prazo de execución de 6 meses, levaranse a cabo nas estradas LU-111, LU-121, LU-120 e LU-113, no seu transcurso polos municipios de Rábade, Abadín, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.

De xeito máis concreto, actuarase na LU-111, do punto quilométrico 0 ao 12+910 e do 13+980 ao 18+420, nos concellos de Rábade, Begonte, Cospeito e Vilalba.

Na LU-121, intervirase desde o punto 0+000 ao 3+700, nos concellos de Vilalba, Cospeito e Abadín. Na LU-120, do quilómetro 0+000 ao 30+390, discorrendo por Vilalba, Cospeito; Abadín, Castro de Rei e A Pastoriza; e na LU-113, do punto quilométrico 0+000 ao 6+000, por Castro de Rei, Cospeito e Abadín.

As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completado co repintado das marcas viarias.

Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.

Data de actualización: 21/04/2023