A Xunta recibe 8 ofertas para construír un aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido en Vilagarcía de Arousa, cun investimento de preto de 565.000 €

Executarase un aparcadoiro de 59 prazas nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 5 meses

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023 A Xunta recibiu un total de 8 ofertas de empresas para executar as obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Este novo aparcadoiro disuasorio na comarca do Salnés, cuxas obras foron licitadas por preto de 565.000 euros, situarase nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo.

O aparcadoiro obxecto deste contrato executarase nun recheo xa existente adxacente á glorieta do enlace da V.G.-4.3 coa N-640, de 1.950 m2 e cunha capacidade para un total de 59 prazas, 9 delas en liña e o resto en batería. Do total de prazas, 2 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida. 

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 5 meses. 

O novo aparcadoiro disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único.  

Polo perímetro exterior do aparcadoiro disporase unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá o arborado e o alumeado.  

Ademais, na marxe dereita das prazas en liña que se atopan no bordo este, disporase unha franxa de lastro de 1 metro para facilitar o descenso dos usuarios do vehículo, cunha varanda de madeira de 90 centímetros de alto e 40 metros de largo. Na súa marxe esquerda disporase dunha franxa de 1,50 metros en formigón como itinerario peonil. Para o acceso a este aparcadoiro será necesario acondicionar o viario de acceso existente.

A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023