A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña colaboran na instalación dunha estrutura flotante no Parrote para realizar actividades náutico-deportivas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu ao acto de sinatura do convenio entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado

O acordo, do que tamén forma parte a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, está dotado con 3,1 M€ e contempla a instalación dunha estrutura flotante revestida de madeira, unha pasarela accesible e un edificio para actividades complementarias

Diego Calvo puxo en valor estas actuacións de cara á mellora da fachada marítima para o seu desfrute pola cidadanía e os visitantes

A Coruña, 21 de abril de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe a importancia de apostar pola mellora da fachada marítima de cidades como A Coruña abrindo as urbes ao mar a través dos seus peiraos interiores para desfrute da cidadanía. Así o explicou hoxe durante o acto no que a  conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, asinaron o convenio de colaboración para a execución dunha estrutura flotante na zona do Parrote do Porto da Coruña destinada á realización de actividades náutico deportivas. Tamén acudiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.  

O importe total da actuación recollida no convenio ascende a 3,1 M€, dos que a Xunta achega máis do 90% -case 2,9M€- a través deste acordo no que, por parte do Goberno galego, participan a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.  

Diego Calvo incidiu na necesidade deste acordo para avanzar nunhas obras que permitirán á veciñanza desfrutar do seu litoral ao mesmo tempo que se potencia o atractivo turístico da cidade. A estrutura flotante en formigón prefabricado contará cun revestimento de madeira mellorando así a comodidade dos usuarios e con pasarelas accesibles para chegar ata esta infraestrutura. Ademais, habilitarase un edificio onde aloxar actividades complementarias -aseos, almacén, vestiarios ou hostalería- e de servizo á práctica dos deportes náuticos, localizado sobre unha plataforma pilotada que sobrevoe o dique.

O vicepresidente segundo da Xunta agradeceu a colaboración da Autoridade Portuaria coruñesa no desenvolvemento de actuacións que diversifiquen a actividade do porto para que siga sendo un motor económico da cidade.

Neste caso, apostarase pola realización de deportes náuticos, tendo en conta que a comunidade conta con instalacións axeitadas como o porto da Coruña onde acoller iniciativas vencelladas ao turismo náutico e deportivo. Xunto coas boas condicións das infraestruturas portuarias, Diego Calvo resaltou as excelentes condicións de navegación do litoral galego que contribúen a promover este tipo de deportes e, en definitiva, integrar os portos nas vilas costeiras e axudar á súa apertura ao mar.

Pola súa parte, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, destacou o interese da Xunta na iniciativa e anunciou que se licitará de xeito inmediato a redacción do proxecto construtivo definitivo co obxectivo de que se poidan executar as obras ao longo de 2024. Ademais, engadiu que, tras abrir esta zona ao baño o pasado verán, coa posta en marcha desta estrutura flotante dáse un paso moi importante na creación dunha infraestrutura náutica similar as doutras cidades europeas como Liverpool, Oslo ou Helsinki.

Data de actualización: 21/04/2023