O presidente da Xunta asistiu á entrega do XI Premio internacional de investigación oncolóxica, científica e técnica Ramiro Carregal e do IV Premio talentos emerxentes en investigación oncolóxica

Rueda resalta o labor dos investigadores e da sanidade pública galega na prevención e na loita contra o cancro

Salienta a traxectoria e o prestixio de Marisol Soengas, galardoada co premio internacional, e de Juan Ruiz-Bañobre, que recolleu o destinado aos talentos emerxentes, así como o compromiso de Ramiro Carregal coa investigación oncolóxica

Sitúa a Galicia na vangarda da loita contra o cancro grazas aos recursos dos galegos, a implicación da sociedade e a profesionalidade do persoal sanitario

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o labor dos investigadores e da sanidade pública galega na prevención e na loita contra o cancro. Así o asegurou na súa intervención na entrega do XI Premio internacional de investigación oncolóxica, científica e técnica Ramiro Carregal, que recaeu en Marisol Soengas, xefa do grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas; e do IV Premio talentos emerxentes en investigación oncolóxica, que recibiu o medico e investigador do CHUS Juan Ruiz-Bañobre.

O titular do Goberno galego salientou a traxectoria e a profesionalidade dos investigadores recoñecidos que, ao seu entender, dan aínda máis prestixio a uns premios que naceron da man dun emprendedor e dun mecenas como é Ramiro Carregal, “comprometido coa súa terra”. Asegurou que tanto Marisol Soengas como Juan Ruiz-Bañobre representan na investigación e no traballo clínico ese espírito representado por Carregal que pode resumirse na idea de que “ningún obxectivo, por lonxe e difícil que pareza, é imposible”.

O presidente da Xunta eloxiou a calidade da sanidade en Galicia, especialmente na loita contra o cancro, grazas aos recursos que os galegos aportan cos seus impostos, á implicación da sociedade e á profesionalidade do persoal sanitario. 

O acto, ao que o mandatario galego asistiu acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, celebrouse no Hostal dos Reis Católicos, edificio que foi Hospital Real e no que -como recordou Alfonso Rueda- traballaron no pasado homes e mulleres pola mellora das condicións sanitarias; unha tradición con séculos de historia que agora continúa da man de investigadores como Marisol Soengas e Juan Ruiz-Bañobre.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023