O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades asiste á primeira proxección galega da película de Enrique Otero tras a súa exhibición no Festival de Málaga

Román Rodríguez subliña o gran dinamismo e calidade do cine feito en Galicia na preestrea de Honeymoon en Ourense

A Xunta subvencionou a produción desta longametraxe, protagonizada por Javier Gutiérrez e Nathalie Poza e rodada en numerosas localizacións galegas

O filme ten confirmada xa a súa proxección na inauguración do Festival de Cans, no Porriño, antes da súa chegada ao circuíto comercial

Ourense, 20 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu á preestrea no Teatro Principal de Ourense de Honeymoon, a nova longametraxe de Enrique Otero, que celebrou esta tarde o seu primeiro pase en Galicia tras a súa selección no Festival de Cine de Málaga. Na súa intervención, subliñou o gran dinamismo e calidade do noso audiovisual que reflicten as estreas esta primavera de destacados títulos rodados na Comunidade ao longo dos últimos meses como Matria, Sica, Amigos para siempre, Fatum e a propia Honeymoon.

O titular de Cultura e Educación do Goberno galego felicitou o director, o elenco encabezado por Javier Gutiérrez e Natalie Poza e o resto do equipo do filme, no que a Xunta investiu máis de 230.000 euros a través da subvención adxudicada á compañía ControlZ, produtora do filme xunto a AccaMedia, na convocatoria para producións e coproducións audiovisuais de 2019. No acto estivo acompañado polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Seis semanas de rodaxe en Galicia

Román Rodríguez referiuse, así mesmo, ao impacto cultural e económico que para Galicia e a súa industria audiovisual ten o seu posicionamento como escenario de numerosas rodaxes, tanto de cinema como de televisión. No caso de Honeymoon, por exemplo, Ourense, Culleredo, Arteixo, O Grove e diferentes concellos da área compostelá acolleron seis semanas e 32 xornadas da súa filmación, que se trasladou tamén a Valladolid.

Nathalie Poza e Javier Gutiérrez son os protagonistas desta longa, á cabeza dun reparto no que figuran tamén destacados intérpretes galegos, como María Vázquez, María Tasende, Antonio Durán Morris, Miquel Insua ou Sergio Zearreta.

O tamén galego Roberto G. Méndez asina xunto ao propio Enrique Otero o guión deste thriller, contando a modo de roadmovie con tinturas de humor negro, sobre un matrimonio en crise e con problemas económicos que ten que repatriar o cadáver do seu fillo, falecido en Estados Unidos.

Honeymoon ten xa confirmada a súa proxección na inauguración da vixésima edición do Festival de Cans, no Porriño, antes da súa chegada ao circuíto de salas comerciais. Ao tempo, a produtora ControlZ ten en proceso outros dous títulos para os que conta igualmente con subvención autonómica −o documental Kevin vs Ray e a curtametraxe O Affair− e acaba de resultar adxudicataria da última convocatoria de axudas para a fase de preprodución audiovisual cos proxectos O público non vai ao cine para ver cristais rotos e Paraíso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023