A Xunta aposta en Boiro polas microformacións para incrementar a calidade do mercado laboral de Galicia

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, interveu hoxe no foro Estratexias en materia de formación e emprego no marco da I Feira de Emprego do Barbanza

Boiro (A Coruña), 20 de abril de 2023 A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo en valor hoxe o desenvolvemento en Boiro da I Feira de Emprego do Barbanza destacando que este tipo de eventos supoñen unha oportunidade para as persoas que buscan emprego, para as que queren mellorar o seu nivel laboral e tamén para as empresas que buscan talento. “É unha porta aberta a incrementar a empregabilidade e a novas oportunidades laborais”, destacou Lado na súa intervención no foro sobre Estratexias en materia de formación e emprego que tivo lugar na Feira.

A directora xeral sinalou que para manterse no mercado laboral é clave ter unha actitude proactiva cara á aprendizaxe permanente ao longo de toda a carreira profesional “coa certeza de que a formación vaivos facer mellores profesionais, máis cualificados e dávos confianza e seguridade á hora de buscar emprego”, apuntou.

Neste senso, indicou que as microformacións ou microcredenciais son unha experiencia breve de aprendizaxe que constitúen unha vía para a adquisición selectiva e flexible de coñecementos, capacidades e competencias. É unha opción formativa que recolle, tal e como explicou Lado, a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que está a executar a Xunta e que aplica principios da Axenda Europea de Capacidades á realidade de Galicia. “O fin último da Axenda é mobilizar un esforzo concertado de investimento de calidade en capacidades para todas as persoas en idade de traballar en toda Galicia para mellorar a súa empregabilidade e competitividade, reter e atraer talento e incrementar a eficiencia do emparellamento entre demanda e oferta de traballo”, salientou.

A Xunta, en definitiva, -apuntou Lado- traballa en conectar ao tecido empresarial coas persoas demandantes de emprego “para dar saída ás vacantes laborais co propósito de desenvolver un mercado de traballo de calidade”. Neste senso, sinalou a boa evolución do mercado laboral da comarca do Barbanza na que se incrementaron as afiliacións nun 10% entre 2017 e 2022, por riba da media galega (5,57%), ao tempo que caeu o desemprego, nun 40,71% neste mesmo período, o que supón que dous de cada cinco persoas sen emprego abandonaron as listas do paro. Lado afirmou que, por sexos, o incremento das afiliacións estivo liderado por mulleres, que supoñen 4 de cada 5 novas afiliacións e por sectores salientou a suba das cotizacións na industria, cun aumento do 6,77%.

Para rematar, avogou por continuar reforzando a colaboración público-privada para conseguir unhas políticas activas de emprego e formación eficaces e eficientes.

Data de actualización: 20/04/2023