A Policía Autonómica comisa catro quilos de percebe na Coruña

A incautación realizouse en colaboración con confrarías de pescadores da área coruñesa no marco dun dispositivo de prevención do furtivismo

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023 Axentes da Policía Autonómica da xefatura da Coruña comisaron onte nesta cidade catro quilos de percebe. A incautación realizouse en colaboración con confrarías de pescadores da área coruñesa no marco dun dispositivo de prevención do furtivismo.

Os axentes interceptaron e identificaron dúas persoas, das que posteriormente comprobaron que xa contaban con denuncias previas relacionadas co marisqueo ilegal. Ademais dos percebes, comisaron dous salabardos e unha rapa.

A Policía Autonómica levantou dúas actas de presunta infracción da Lei de pesca de Galicia e o marisco comisado foille entregado a un centro benéfico da cidade coruñesa.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023