A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu ao Congreso ibérico de bandeira azul en praias do interior

A Xunta anima aos concellos do interior a optar aos distintivos Bandeira azul para as súas praias fluviais

Belén do Campo lembra que das 112 praias galegas que contan con este distintivo, só dúas son fluviais

Lousá (Portugal), 20 de abril de 2023 A Xunta de Galicia anima aos concellos do interior a optar aos distintivos Bandeira azul para as súas praias fluviais, segundo dixo hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo. 

Durante a súa participación no Congreso ibérico de bandeira azul en praias do interior, a directora xeral lembrou que das 112 praias galegas que contan con este distintivo, só dúas se localizan en zonas do interior -o lago das Pontes e a praia fluvial da Calzada, no concello de Ponte Caldelas-. 

Do Campo, que estivo acompañada da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na provincia de Ourense, Victoria Núñez, incidiu na relevancia de consolidar o valor engadido das zonas de interior a través destes distintivos que, como explicou, toman en consideración valores como a calidade das augas, a seguridade, a accesibilidade, a dotación de servizos así como a xestión ambiental e a sostibilidade destes espazos. 

Nesa liña, o congreso que se está a celebrar esta semana en Lousá ten como obxectivo debater os retos e oportunidades do interior de España e Portugal e dar a coñecer as súas realidades e experiencias. De feito, este encontro reúne a uns 100 participantes entre alcaldes, responsables de entidades públicas e directivos de empresas privadas relacionadas co medio ambiente e o turismo.

De feito, ao final das xornadas, que están organizadas conxuntamente pola Asociación Bandeira Azul de Europa (ABAE), o Concello de Lousá, Turismo do Centro de Portugal, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e a Xunta de Estremadura, presentaranse unha carta aberta coas conclusións coa pretensión de promover o turismo sostible das zonas de interior a través do equilibrio entre o desenvolvemento económico e a preservación dos valores ambientais destas zonas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023