Nava Castro destacou hoxe na presentación da Festa da Lamprea de Arbo que supón un importante reclamo turístico para Galicia

A festa acadou a declaración de Interese Turístico Internacional este ano en recoñecemento á súa antigüidade, singularidade, o seu valor cultural e gastronómico e o seu atractivo turístico

A responsable de Turismo destacou que a Festa da Lamprea de Arbo, se atopa plenamente consolidada con seus 63 anos de historia

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na Cidade da Cultura na presentación da LXIII edición da Festa da Lamprea de Arbo, onde sinalou que esta celebración constitúe un gran atractivo turístico para Galicia, e que ademais conta coa declaración de Interese Turístico internacional desde este ano.

Esta festa tivo a súa orixe no ano 1961 cando un grupo de veciños e responsables de varios restaurantes e adegas de Arbo organizaron a I Festa da Lamprea para dar a coñecer este produto así como os caldos de uva albariño do municipio, hoxe acollidos á Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Dende entón, Arbo celebra ininterrompidamente a súa festa máis importante na que miles de asistentes abarrotan os restaurantes da vila e os puntos de degustación, para desfrutar das racións de lamprea preparada de distintas formas e dos mellores viños da zona.

Durante a presentación, a responsable de Turismo da Xunta destacou que a Festa da Lamprea de Arbo, se atopa plenamente consolidada con seus 63 anos de historia. Nava Castro explicou que dende Turismo de Galicia se aposta pola promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade.

“Deste modo, dende a Xunta apostamos polas celebracións gastronómicas tradicionais que xeran experiencias únicas no destino, como é o caso da Festa da Lamprea de Arbo, que ocupa un lugar moi relevante para o turismo na nosa comunidade”, sinalou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023