A Xunta destaca no ‘Startup Congress Galicia’ a súa aposta polo emprendemento e o talento innovador a través das súas redes de polos e de aceleradoras

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na inauguración en Vigo da xornada, onde lembrou que Galicia completará o despregamento da súa rede de polos de emprendemento en 2023 para dar cobertura ao 100% do territorio

Vigo, 20 de abril de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na inauguración da xornada Startup Congress Galicia 2023, organizada pola Asociación Galega de Innovadores en TiCS onde puxo en valor a firme aposta que a Xunta de Galicia está a facer para impulsar as iniciativas empresariais a través da Rede de polos de emprendemento -antes de que remate o ano dará cobertura ao 100% do territorio galego- e da man de aceleradoras coas que se está a incentivar o talento innovador e o despegue de empresas de base tecnolóxica.

 

Tal e como remarcou Ardao, “o apoio da Xunta ao emprendemento en Galicia é indiscutible”. Tan só este ano, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mobilizará 120 millóns de euros a políticas de emprendemento, traballo autónomo e economía social. A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego é unha das grandes apostas estratéxicas deste departamento que está a avogar por ofrecer asesoramento en todas as fases de desenvolvemento do negocio ás persoas interesadas, e xerar maior riqueza e emprego nas contornas nas que se radican.

 

O Goberno galego está a levar a cabo unha renovación das políticas públicas de emprego para dar resposta ás necesidades emerxentes do mercado laboral e para conseguir máis e mellor emprego para as galegas e galegos, centrándose nas capacidades e traballando para mellorar as oportunidades profesionais. Para a directora xeral, os polos están a situar a Galicia “en posición de vantaxe” ao porse cerca dos actores económicos e guialos na busca de nichos de mercado ou necesidades nas áreas nas que queren implantarse.

 

Ardao puxo en valor, na mesma liña, a aposta que a Administración autonómica está a realizar polo talento e a innovación que, no caso de Vigo, materialízase en aceleradoras como a Business Factory Auto ou Via Galicia, “un bo exemplo de como estamos a incentivar o talento innovador e o despegamento de empresas de base tecnolóxica a través da nosa rede de aceleradoras que abarca todos os sectores estratéxicos: BFAuto, BFAero, BFMedicines, BFFood, BioIncubaTech, High Tech Auto, Galicia Avanza...“.

 

“A toda esa rede, démoslle unha infraestrutura de apoio coa Axenda Startups 2022-2024, que ten como obxectivo consolidar en Galicia un ecosistema de novas empresas tecnolóxicas ligadas aos novos retos da industria”, rematou a directora xeral.

Data de actualización: 20/04/2023