O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a través dun vídeo e a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, participaron na inauguración

A Casa de Galicia en Madrid acolle a II Feira da Saúde organizada pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega)

Cinco expertos abordaron na primeira sesión o punto no que se atopa a investigación e tratamento oncolóxicos.

Na clausura da Feira, este venres, farase un recoñecemento coa entrega da Insignia de Ouro de Asomega aos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia.

Madrid, 20 de abril de 2023  O director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, participou na inauguración da II Feira da Saúde, organizada por Asomega, que se prolongará ata o vindeiro venres, e que será clausurada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Serrano, resaltou o papel crucial que amosaron os sanitarios durante a pandemia, na que deixaron clara a súa “excelencia e valentía” sendo un exemplo, “a última civilización contra a barbarie, e a sociedade civil agradécevos que non vos cruzásedes de brazos”.

“O momento que vivimos respecto ao tratamento e investigación do cancro pódese cualificar de emocionante”, asegurou Felipe Couñago, líder de investigación de GenesisCare e membro da Xunta Directiva de Asomega.

Segundo este especialista en Oncoloxía Radioterápica, o optimismo baséase en que, grazas á filantropía e os investimentos europeos, España vai estar á vangarda no seu campo. “Aquelas larguísimas series de sesións quedaron atrás, agora falamos de curar con poucas, ás veces con sesións únicas en estadios iniciais de cancro de pulmón, próstata, algúns de vexiga, etc.”.

Entre os temas que se expuxeron estivo a influencia da intelixencia artificial nos tratamentos oncolóxicos, ao que o doutor Couñago respondeu, de xeito tallante, que “todo traballo coa humanidade e a creatividade non o vai a facer mellor a intelixencia artificial, que nos superará en moitos aspectos, pero non neste”.

Pola súa banda Ana Fernández-Teijeiro, presidenta da Sociedade Española de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátricas e membro da Xunta Directiva de Asomega, celebra que “cos datos do Rexistro Español de Tumores Infantís RETI-SEHOP de 2022, sabemos que a supervivencia dos menores de 14 con cancro é do 82 % aos 5 anos. Isto significa que estamos no camiño, achegándonos ás doutros países como Francia, Alemaña ou os países nórdicos, que chegan ou superan o 85 %”.

Na súa opinión, nisto tivo moito que ver que desde o Ministerio de Sanidade e dentro da Estratexia Nacional de Cancro se prestase unha atención especial ao cancro infantil. Ademais, estase a promover e impulsar o traballo en rede entre as 42 unidades de oncoloxía pediátrica en España e a estratificación da atención baseada na complexidade diagnóstica ou terapéutica.

O obxectivo é garantir a equidade e que todos os nenos e adolescentes con cancro teñan as mellores posibilidades de curación independentemente do seu lugar de residencia. Sinalou que o 70 % dos sobreviventes de cancro na infancia sofren secuelas derivadas do tratamento. Por iso, sinalou que “ao noso obxectivo de curar máis engádese agora curar mellor e diminuír ou evitar os efectos secundarios a longo prazo", engadiu.

A directora médica da Asociación Española Contra o Cancro, Mariluz Amador, comparte esta prevención e reclama atención ao “coidado integral do paciente con cancro”. Lembra a parte psicolóxica, porque “sábese que a metade de persoas con cancro teñen ansiedade e un 30 % necesitan apoio para superar o impacto psicolóxico”. Falou tamén da parte social, xa que “o cancro pode levar a aparición de situacións de vulnerabilidade ou empeorar as existentes”, segundo indicou.

Pola súa banda, o doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, presidente de Oncomet e director de Academia Asomega, amosouse tamén entusiasta respecto das posibilidades do momento actual, que cualifica de “espectacular”.

Asegurou que “empezamos a visualizar os avances en investigación. Nun futuro, non moi afastado, curarase unha importante porcentaxe de casos, e outro importante vaise a cronificar. Isto farase con dúas armas: o tratamento local e os tratamentos sistémicos, que están a causar unha revolución porque agora atacamos directamente ao cancro, cando antes iamos case a cegas”.

Loitar por un sistema equitativo e seguir a Europa, “que durante anos estivo moito máis preocupada polo cancro que España a nivel social e político” son, na súa opinión, os retos principais de futuro. Sobre as expectativas xeradas pola vacina contra o cancro, explicou que se basea na tecnoloxía do RNA mensaxeiro, que está moi avanzada. “As compañías que o estudan preparan a vacina xa en tres semanas, pero hai que agardar resultados”, afirmou.

Na primeira actividade desta Feira da Sáude, tamén participou Ramón Mel, director de Oncoloxía de AstraZeneca España e membro da Xunta Directiva de Asomega

Inauguración da Feira

Previamente, realizouse a inauguración do evento, cun acto no que participou, a través dun vídeo de benvida, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e tamén a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, para quen “o importante da iniciativa radica non só na relevancia dos temas tratados senón, sobre todo, en pór en valor a excelencia dos profesionais da sanidade galegos”.

Pastor sinalou a importancia do recoñecemento que se fará á investigación galega coa entrega, o venres, da Insignia de Ouro de Asomega aos tres institutos de investigación galegos, IDIS, Inibic e IIS Galicia Sur.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Médicos Galegos, Xullo Ancochea, asegurou que, con esta iniciativa, "Asomega comprométese coa sociedade na que participa ofrecendo formación e coñecemento nos asuntos nos que é experta: investigación, ciencia, medicamento".

Así mesmo, reivindicou a importancia de defender "un sistema sanitario que é un orgullo para todos", o que constitúe "unha responsabilidade común que nos obriga a mantelo á marxe de disputas e polémicas estériles".

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023