A delegada territorial, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, reuniuse esta mañá coa presidenta da AVV de Caranza

A Xunta estuda recuperar o tráfico das liñas de autobús que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo pola avenida das Pías mentres estea activo un carril en cada sentido

Durante o encontro púxose de relevancia a necesidade de que a proposta conte coa conformidade de Concello de Ferrol e Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana

Ferrol, 19 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez Vidal, mantiveron esta mañá na Delegación Territorial unha reunión de traballo coa presidenta da asociación de veciños de Caranza, María del Pilar Rodríguez Venancio, sobre a adaptación das liñas de autobús afectadas polas obras da avenida das Pías (FE-14) en Ferrol.

Na mesma, abordouse a proposta de recuperar o tráfico das liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo pola avenida das Pías, durante o tempo que estea liberado á circulación un carril en cada un dos sentidos da vía.

Actualmente e en base aos axustes temporais acordados entre o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, o Concello de Ferrol e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que están en vigor desde o pasado 11 de abril, as liñas que conectan a cidade coas mencionadas localidades, tanto as que realizan o seu percorrido por estrada como as que son directas pola AP-9, saen e chegan á estación de autobuses de Ferrol directamente desde a autoestrada.

Durante o encontro, púxose de relevancia a necesidade de manter unha reunión con representantes do Concello de Ferrol, competente en materia de Tráfico e responsables da Demarcación de Carreteras do Estado, responsable das obras de mellora da seguridade viaria da avenida das Pías (FE-14). O obxectivo da reunión é que, tomando como referencia os datos de tráfico destes últimos días, se garanta que a recuperación dos percorridos dos autobuses é viable e non suporá retrasos significativos nas expedicións.

Data de actualización: 19/04/2023