A Xunta avoga pola racionalización e bo uso dos tempos de traballo para avanzar no benestar laboral

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou nunhas xornadas en Mos sobre igualdade laboral, nas que defendeu a presenza das mulleres en sectores masculinizados a partires da educación desde idades temperás

Mos (Pontevedra), 19 de abril de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nas xornadas Muller e Traballo, dereitos laborais, conciliación e corresponsabilidade no traballo organizadas polo Concello de Mos e apoiadas pola Xunta de Galicia; onde puxo en valor o traballo que está a desenvolver o Goberno autonómico a favor da racionalización de horarios e tempos de traballo e co deseño dunha nova lei de igualdade que incorporará de xeito pioneiro o concepto de benestar laboral.

Mancha destacou que “empoderar ás mulleres pode transformar vidas e sociedade” e contribúe a fortalecer a economía. Por este motivo defendeu a corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido familiar e de coidados para evitar que as cargas domésticas sigan a recaer en maior medida nas traballadoras.

Na mesma liña, a responsable de Relacións Laborais destacou o traballo formativo e de impulso que a Xunta está a realizar desde idades temperás para evitar a segregación por xéneros en determinados sectores de actividade e ocupación. “Estatísticas e datos oficiais mostran que son as mulleres as que abandonan ou interrompen as súas carreiras laborais cando han de coidar a algún familiar dependente nos seus fogares”, especificou Mancha, quen indicou que a Xunta está a poñer ferramentas para acabar con esta situación.

O Goberno galego está a tramitar unha nova lei de igualdade que acuñará, con carácter pioneiro, o concepto de benestar laboral, vencellado coas ideas de conciliación, teletraballo, corresponsabilidade e racionalización de horarios, indicou Mancha. Na norma crearase un estatuto da muller do rural e do mar que recoñeza as particularidades destes colectivos e permita brindar a mellor resposta institucional. “Necesítanse modelos que seguir, facer cambios na educación (na escola e en familia), reprogramar o lecer infantil, poñer en marcha incentivos fiscais e terminar cos estereotipos que tamén perpetúan os medios e a publicidade”, defendeu.

Mancha, en último termo defendeu o impulso nas empresas dos plans e medidas de igualdade e a racionalización e bo uso dos horarios e dos tempos de traballo. “Debemos acuñar o concepto do benestar laboral, pois se a forza do traballo ten garantido o exercicio da corresponsabilidade, a motivación será maior e, como consecuencia, a produtividade crecerá”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023