A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto cos alcaldes de Vilanova de Arousa e de Ribadumia, Gonzalo Durán, e David Castro, respectivamente, visitou este treito no que se detectaron onte danos en varias péndolas da ponte

A Xunta avalía a situación da ponte de Pontearnelas priorizando a seguridade e as alternativas de circulación

Vázquez Mourelle informa de que os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas traballan desde onte pola tarde na zona para avaliar en profundidade a ponte

Explica que o tráfico está a ser desviado pola ponte antiga e se analizan as posibilidades para optimizar a circulación

Técnicos expertos en estruturas traballan xa para coñecer as causas dos danos e definir as obras de emerxencia que permitan restituír a normalidade canto antes

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 19 de abril de 2023 A Xunta avalía a ponte de Pontearnelas, na estrada PO-300, entre Vilanova de Arousa e Cambados, priorizando a seguridade viaria e as alternativas de circulación. Ademais, trabállase para coñecer as causas dos danos detectados e acometer as actuacións necesarias para restablecer a normalidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto cos alcaldes de Vilanova de Arousa e de Ribadumia, Gonzalo Durán, e David Castro, respectivamente, visitou hoxe este treito no que se detectaron onte danos en varias péndolas da ponte.

Vázquez Mourelle informou de que que os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas están desde onte pola tarde na zona para avaliar en profundidade a situación.

Explicou que a Xunta está a traballar con rigor e axilidade, actuando xa por emerxencia, priorizando a seguridade viaria, polo que onte se pechou o tráfico neste punto e se desviou pola ponte antiga. Os técnicos analizan as posibilidades de reforzar a mobilidade na contorna.

Indicou que expertos en estruturas están a inspeccionar a ponte para afondar nos danos, coñecer as causas dos mesmos e definir un plan de actuacións que permitan restituír a normalidade canto antes neste punto da rede viaria.

Detalla que o Goberno galego, tal como vén realizando noutras estradas, executará as obras que se estimen precisas e destinará os recursos técnicos e económicos necesarios para acondicionar este treito e restablecer o tráfico en condicións seguras e eficientes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023