A delegada territorial, Martina Aneiros, participou esta mañá nun encontro informativo celebrado na Delegación Territorial de Ferrol

A Xunta informa ás empresas de Ferrolterra das axudas de eficiencia enerxética para aloxamentos turísticos dotadas de 7,8 M€

Estas achegas de Turismo de Galicia están orientadas a financiar actuacións de eficiencia enerxética en edificios completos como hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues e apartamentos turísticos construídos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007

Como requisitos indispensables establécese a redución do consumo de enerxía primaria non renovable de polo menos o 30 % con respecto á situación de partida e a mellora da cualificación enerxética do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono

O importe das axudas oscila entre o 20 e o 90 %, cun investimento mínimo de 5.000 euros e unha contía máxima da achega por proxecto subvencionable de 150.000 euros

Ferrol, 19 de abril de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no edificio da Delegación nun encontro informativo sobre a liña de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en aloxamentos turísticos no que tomaron parte preto dunha vintena de empresas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal vencelladas a este sector.

Durante o encontro, que contou co respaldo técnico do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Aneiros avanzou que esta convocatoria de Turismo de Galicia conta cun orzamento de 7,8 M€ e vén de ampliar o prazo de presentación de solicitudes ata o 2 de maio coa fin de facilitar a participación no procedemento, dada a complexidade técnica da presentación dos proxectos.

Estas axudas están orientadas a financiar actuacións de eficiencia enerxética en edificios completos, cuxo uso sexa o aloxamento turístico (están incluídos neste concepto hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues e apartamentos turísticos construídos antes do 1 de xaneiro de 2007) coa finalidade de contribuír á redución do consumo eléctrico. A convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, enmárcase no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

Tal e como indicou a delegada territorial, poderán beneficiarse das mesmas tanto os propietarios do edificio como as empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias que deberán figurar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT). O investimento mínimo da actuación será de 5.000 euros e a contía máxima da achega por proxecto subvencionable de 150.000 euros. Os beneficiarios disporán dun ano, desde a notificación da súa concesión, para executar as obras.

Requisitos indispensables

Aneiros apuntou que como requisitos indispensables dos proxectos establécese a redución do consumo de enerxía primaria non renovable de polo menos o 30 % con respecto á situación de partida e a mellora da cualificación enerxética do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono, aínda que este requisito non será necesario cando o inmoble xa teña unha cualificación enerxética A.

As actuacións subvencionables encádranse en tres tipoloxías: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, cuxa porcentaxe subvencionable oscila entre o 50 % e o 90 % do custo do proxecto; mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, cunhas axudas que oscilarán entre o 40 % e o 65 % no caso de cumprir os requisitos adicionais; e mellora da eficiencia enerxética en instalacións de iluminación, cunha subvención de entre o 20 % e o 35 %.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023