A Xunta achega a Lugo a campaña Galicia sabe aMar, para animar a consumir peixes e mariscos galegos

O delegado territorial, Javier Arias, explica que entre esta semana e a próxima a foodtruck visitará tamén Sarria e Monforte de Lemos para ofrecer a veciños e visitantes a degustación de petiscos elaborados con materias primas de calidade

Lugo, 19 de abril de 2023 A Xunta achega á capital lucense unha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR, coa que pretende promover entre a cidadanía o consumo de peixes e mariscos galegos.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o posto - instalado ao fondo da praza Maior -, onde animou a probar os petiscos realizados con produtos de calidade que se poden degustar no marco desta iniciativa, que está a percorrer numerosos concellos da provincia. Así, mañá e o venres estará en Sarria; e o sábado e o domingo en Monforte de Lemos, onde volverá recalar o xoves 27 de abril.

As persoas que se acheguen a estas foodtrucks rotuladas co lema GALICIA SABE AMAR poderán probar algunhas das 10 receitas elaboradas con produtos certificados do mar como o berberecho de Noia, o bonito do norte ou o mexillón de Galicia; xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

A Consellería do Mar está a levar esta campaña por múltiples municipios galegos e de toda España que están vencellados ao Camiño de Santiago, coa finalidade de enxalzar a variedade e calidade dos produtos do mar de Galicia e a gastronomía da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023