A Xunta adxudica por máis de 1,5 M€ as obras de reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri de Santiago, que inclúen unha parada de transporte público na cidade de San Caetano

O contrato permitirá a remodelación desta rúa da contorna do actual edificio administrativo da Xunta e dispor dunha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e estacionamentos de bicicleta

A actuación está vinculada á obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano, actualmente en fase de adxudicación

Adecuarase a rúa ao novo edificio administrativo, dando continuidade á urbanización executada no treito anterior de Rodríguez de Viguri e sendo tamén punto de partida da senda que unirá San Caetano coa intermodal, Conxo, o Hospital Clínico e O Milladoiro

A parada terá capacidade suficiente para dar cabida a 5 autobuses de liña regular ao mesmo tempo, dando servizo tamén aos autobuses urbanos que conectan co aeroporto e coa estación intermodal

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023 A Xunta adxudicou por un importe de 1.532.432 euros a execución das obras de reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri, en Santiago de Compostela, e a súa integración como nó de intercambio modal do transporte público na futura cidade de San Caetano. 

O contrato, adxudicado á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales, S.L., permitirá a remodelación desta rúa da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta e dispoñer dunha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e estacionamento de bicicletas. 

Mediante este contrato a Xunta prevé desenvolver esta obra de xeito coordinado coa execución da 1ª fase da Cidade de San Caetano, que se atopa en fase de adxudicación.

Deste xeito, a intervención vincúlase tamén coa próxima execución dos 2 primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano nos terreos da vella estación de autobuses, que permitirá a adaptación desta rúa á súa nova funcionalidade como parada de transporte público. 

En concreto a obra que se vén de adxudicar adecuará a rúa ao novo edificio administrativo e darase continuidade á urbanización levada a cabo no treito anterior de Rodríguez de Viguri.  

A citada actuación tamén permitirá dotar dos refuxios definitivos necesarios para o transporte que dá servizo aos traballadores públicos. Ademais, será o punto de partida da gran senda peonil e ciclista que unirá San Caetano coa estación intermodal, Conxo, o Hospital Clínico e O Milladoiro, que está a impulsar a Xunta

As obras prevén a reorganización e reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal. 

Na intervención inclúese a reorganización, ademais, dos fluxos peonís e ciclistas para dar acceso ao complexo administrativo co obxecto de minimizar as interferencias e mellorar a conexión peonil dos viaxeiros no intercambio modal.

Esta actuación está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19. 

Os detalles técnicos

Máis en detalle, as obras adxudicadas para a reurbanización do treito da avenida Rodríguez de Viguri permitirán unha configuración na que o espazo para peóns e ciclistas gaña protagonismo con respecto á situación actual.  

O departamento de Infraestruturas da Xunte deseñou este treito como un bulevar para dar continuidade ao treito xa remodelado da rúa, con arborado en ambas as marxes da calzada, e neste caso tamén na mediana intermedia, que será axardinada. A calzada, tanto no sentido ascendente como descendente, contará con dous carrís de circulación, como xa sucede no treito anterior da avenida. Nas beirarrúas o pavimento será de aglomerado pulido e de formigón nos carrís-bici. 

A parada de transporte público prevista situarase na marxe dereita, en sentido ascendente. Terá 156 metros de lonxitude cuberta, na que se poderá agardar a chegada dos autobuses protexido das circunstancias meteorolóxicas. Estará formada por 26 módulos baixos de marquesiña e 3 módulos máis altos intercalados para protexer o acceso ao autobús. Ademais, e de modo independente, instalaranse en ambas as marxes do treito da avenida dúas marquesiñas para parada de bus urbano.

A intervención inclúe a remodelación do todo o entronque da rúa Anxo Casal e do aparcadoiro soterrado ao que se accede desde alí. A saída do aparcadoiro será directa á avenida de Rodríguez de Viguri e no espazo gañado disporase un aparcadoiro cuberto para bicicletas, de 21 metros de lonxitude, e coa mesma solución formal que as marquesiñas das paradas de autobús. Ademais, dese espazo partirá un paso de peóns que cruzará a avenida, para un acceso máis directo á grande parada de bus do sentido ascendente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023