A Xunta licita por case 2 M€ a remodelación da ponte na rúa Fomento de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns ao paso polo municipio

A intervención permitirá actuar na zona da ponte, onde o estreitamento do leito do río e súa escasa capacidade de desaugue fai que sexa unha das zonas más inundables no casco urbano en época de enchente
 

Os traballos inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a construción dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo
 

As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 19 de maio para presentar as súas ofertas para executar estas obras, que contan cun prazo de execución de 8 meses
 

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración entre Xunta e Concello de Carballo para desenvolver o Plan de xestión desta área de risco potencial de asolagamento, cun investimento total de 6,3 M€
 

Todas as obras apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural
 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 1.949.461 euros a obra de remodelación da ponte da rúa Fomento de Carballo, que inclúe a transformación da canle e motas de contención augas abaixo desta ponte, para reducir o risco de inundación no río Anllóns, ao seu paso polo municipio coruñés.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación desta actuación, establecendo un prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de maio.

A actuación hoxe licitada, cun prazo de execución de 8 meses, permitirá intervir na zona da ponte onde se produce un estreitamento do leito do río Anllóns, sendo esa, pola súa escasa capacidade de desaugue, unha das zonas más inundables no casco urbano de Carballo en época de enchentes.

Os traballos que se contratan inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a construción dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo. Tamén se prevé a demolición dunha edificación augas arriba da ponte e dunha escaleira situada augas arriba.
 
En concreto, demolerase a ponte que conecta a rúa Fomento e a avenida Fisterre, co fin de ampliar a sección do leito e demolerase tamén un edificio sito na rúa Fomento anexo ao leito.
 
Executarase unha nova ponte mediante 8 vigas de formigón prensado dobre de máis de 22 metros de lonxitude e anchura de algo máis de 4 metros, dividida en dous carrís e dúas beirarrúas. A estrutura permitirá o paso inferior dunha senda a ambas marxes inundables no caso de crecidas.
 
Proxéctase a apertura do leito aumentando a sección dispoñible, nunha lonxitude de 121 metros na marxe dereita e 158 metros no esquerdo, e elevando a cota de rebosamento mediante un muro-bancada. O sostemento dos noiros realizarase mediante muros de dique executados reutilizando parte do material existente.
 
As obras obxecto deste contrato inclúen a repavimentación da senda adxacente ao leito por ambas as marxes, e dotarase o acceso á senda dende a rúa Fomento e a avenida Fisterra mediante ramplas a cada lado do leito.

Este contrato forma parte das actuacións do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

As accións prioritarias son estas obras licitadas hoxe na ponte da rúa Fomento; ás que se suman as dúas intervención licitadas a pasada semana para a mellora no río Anllóns, ao paso pola Cepeira, en Sísamo, e para a remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol. A estas intervencións, súmanse as tamén contratadas para a remodelación integral do parque San Martiño e a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto.

Todas as actuacións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

No que se refire aos compromisos das administracións recollidos no citado convenio, a Xunta é a encargada da redacción dos proxectos e de executar as obras correspondentes ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes; así como a obriga de recibir as actuacións e levar a cabo o seu mantemento e conservación.
 
As actuacións contan con financiación da Unión Europea a través do fondo Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020  e o programa Galicia Feder 2021-2027.

Data de actualización: 19/04/2023