A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron hoxe o convenio de colaboración para executar estas actuacións

A Xunta e o concello de Sanxenxo colaboran no reforzo da seguridade e na mellora da mobilidade na contorna do mercado, co soterramento do tráfico e unha praza en superficie cun investimento de 2,3 M€

O Goberno galego financia as intervencións achegando 1 M€ e o Concello licitará e executará os traballos e achegará o investimento restante, algo máis de 1,3 M€

O convenio ten vixencia ata o 31 de decembro de 2024, polo que as obras recollidas deberán estar finalizadas antes do remate do vindeiro ano

Executarase un paso inferior para o tráfico da rúa de Madrid, desde o cal se dará entrada ao aparcadoiro do novo edificio do mercado
 

Sanxenxo (Pontevedra), 19 de abril de 2023

A Xunta e o Concello de Sanxenxo colaboran no reforzo da seguridade e na mellora da mobilidade na contorna do Mercado, co soterramento do tráfico e unha praza en superficie cun investimento de 2,3 M€.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron hoxe o convenio de colaboración para mellorar a mobilidade na contorna da nova Praza do Mercado do municipio.

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume o compromiso de financiar estas intervencións achegando 1 M€. O Concello será o encargado de redactar os documentos técnicos para a realización das obras, de licitar e executar os traballos, así como asumir o investimento restante necesario, algo máis de 1,3 M€.

O convenio ten vixencia ata o 31 de decembro de 2024, polo que as obras recollidas deberán estar finalizadas antes do remate do vindeiro ano. 

O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de Abastos mediante o soterramento do tráfico na rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.

O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade.

 

Ethel Vázquez sinalou que a intervención está en liña co Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025 e coa Estratexia Galega de Mobilidade, ampliando o campo de visión das actuacións en materia de infraestruturas para conxugar e acadar un equilibrio axeitado entre mobilidade e sustentabilidade.

Destacou, ademais, que a intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.

 

3 actuacións

Ethel Vázquez incidiu en que as actuacións recollidas neste acordo se centrarán na execución dun paso inferior para o tráfico da rúa de Madrid, desde o cal se dará entrada ao aparcadoiro do novo edificio do mercado.

 

Tamén se procederá á reurbanización da rúa de Madrid, desde a rúa Panadeira ata o seu encontro coa glorieta de intersección da propia rúa de Madrid coa rúa Progreso (estrada PO-308).

Ademais salientou a creación dunha nova praza pública a nivel, na parte superior do paso inferior, fronte ao novo edificio do mercado, que executará o Concello.

Cómpre sinalar que estas intervencións constitúen unha 1ª fase dos traballos que o Concello vai desenvolver na contorna do mercado, onde vai construír un novo edificio que albergará o novo Mercado e a Biblioteca.

O paso inferior para o tráfico subterráneo que se executará no marco deste convenio dará servizo e acceso ao aparcadoiro que se prevé no proxecto destes novos equipamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023