A Xunta recibe 6 ofertas para executar un aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido no enlace da PO-340 coa autoestrada do Val Miñor, en Nigrán

As obras do novo aparcadoiro, licitadas por 637.000 euros, prevén comezarse no verán

Disporase dunha superficie total de 3.500 m² para habilitar 72 prazas de estacionamento, facilitando o acceso en vehículo compartido á AG-57 e a redución de vehículos no centro da vila pontevedresa

O novo estacionamento contará con 2 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e disporá da preinstalación de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos
 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

A Xunta recibiu 6 ofertas de empresas para a execución dun aparcadoiro disuasorio asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar, no concello de Nigrán.

 

O aparcadoiro disuasorio, cuxas obras foron licitadas por 637.000 euros, persegue facilitar o emprego do vehículo compartido para acceder á autoestrada AG-57 e reducir a presenza dos coches no centro da vila. A previsión é comezar os traballos no verán.

 

Este novo aparcadoiro contará cunha superficie total de 3.500 m², disporá de 72 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida, ademais da preinstalación para 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

Neste contrato, inclúese, tamén, a disposición dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único.

 

No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo.

 

A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 18/04/2023