A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe con Viratec no marco dunha rolda de contactos para falar da norma

A Xunta traslada os obxectivos da futura Lei de aproveitamento dos recursos naturais ao Clúster Medioambiental de Galicia

Ángeles Vázquez asevera que o Goberno galego comparte o seu modelo de compatibilizar a actividade económica co desenvolvemento sustentable da sociedade galega e a preservación do medio ambiente

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou hoxe os obxectivos da futura lei de aproveitamento dos recursos naturais a representantes do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) no marco da rolda de consultas que está a realizar o Goberno galego para que esta nova normativa sexa o máis consensuada, completa e beneficiosa para a Comunidade. 

Logo de poñer en valor o exemplo que Viratec supón para outros sectores, Ángeles Vázquez aseverou que, de feito, o Goberno galego comparte o seu modelo de compatibilizar a actividade económica co desenvolvemento sustentable da sociedade galega e a preservación do medio ambiente. 

E, nesa liña, o obxectivo da norma que hoxe abordaron, e cuxa tramitación se iniciou hai unhas semanas tras o acordo do Consello da Xunta, pasa por regular que na posta en marcha de determinados proxectos en Galicia —aqueles que aproveitan os recursos naturais mediante a aplicación dalgunha tecnoloxía avanzada— a habitual valoración dos posibles impactos ambientais vaia acompañada dunha análise dos beneficios sociais e económicos que comportaría. 

Tal e como subliñou a conselleira, preténdense establecer así medidas que permitan garantir unha compensación á Comunidade co obxectivo de acadar un retorno de parte dos beneficios derivados da implantación deste tipo de proxectos.  

A valoración deses efectos sociais e económicos farase sempre dentro do procedemento de avaliación ambiental, no que, ademais de reunir todas as cautelas ambientais, tamén se valorarán os impactos derivados da execución do proxecto, os compromisos adicionais que presenten os promotores e a posible repercusión no medio natural no que se vai desenvolver.

Cómpre lembrar que Viratec é un ecosistema de cooperación pública-privada que xera sinerxías entre distintas áreas de coñecemento, promove a I+D+i, mellora a formación e crea oportunidades de internacionalización, para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e a preservación do seu medio ambiente, baixo os principios da economía circular.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2023