A Xunta convoca de forma urxente o Observatorio da Vivenda de Galicia para abordar o proxecto da nova Lei estatal polo dereito á vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda indicou hoxe que o organismo se reunirá este venres para fixar unha postura común sobre o novo texto normativo entre as administracións públicas e os profesionais do sector representados no mesmo

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023 A Xunta acaba de convocar con carácter urxente unha reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia para abordar como tema central o proxecto da Lei polo dereito á vivenda, que actualmente encara a recta final da súa tramitación no Congreso dos Deputados.

Tras participar nun acto en Santiago, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, indicou que o Observatorio se reunirá este mesmo venres en resposta á “grande inquedanza” coa que reaccionou todo o sector en Galicia ante os últimos anuncios realizados polo Goberno central con relación ao contido da futura lei.

Así, explicou que este órgano foi creado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) co fin de facilitar o acceso á información e ao coñecemento de todos os aspectos relacionados co sector residencial na Comunidade e que nel están representados promotores e axentes inmobiliarios, asociacións relacionadas co mundo da vivenda, arquitectos e representantes das administracións locais, entre outros colectivos.

Neste sentido, a conselleira xustificou a convocatoria do Observatorio da Vivenda de Galicia ante a “transcendencia” da norma estatal que se quere aprobar e co obxectivo de fixar “un posicionamento común” ante a mesma.

De feito, lembrou que o pasado venres a Consellería solicitou ao Executivo central que convoque “coa maior urxencia posible” á Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo para abordar o proxecto de lei, recordando que o texto non foi debatido coas comunidade neste órgano a pesar de que os Gobernos autonómicos teñen competencias na materia. “Pedimos urxentemente unha Conferencia Sectorial con todas as comunidades porque queremos claridade e transparencia pero aínda non temos resposta”, engadiu.

Data de actualización: 18/04/2023