O conselleiro de Sanidade destaca a alta participación nos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia

O evento desenvolveuse no Hospital Universitario da Coruña, a cargo do Nodo de innovación da área sanitaria da Coruña e Cee, e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Coruña, 18 de abril de 2023 O Hospital Universitario da Coruña acolleu a celebración do acto de entrega da III edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia. O acto estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e ao mesmo asistiron, o xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa.

Na súa intervención no acto, Comesaña dixo que, con estes premios, o que se quere é poñer en valor todas aquelas ideas e proxectos que teñen como obxecto facer da sanidade pública unha sanidade máis eficiente e con servizos de maior calidade.

O conselleiro destacou a alta participación desta terceira edición dos premios, un total de 70 candidaturas, das que resultaron dez finalistas, cinco na modalidade de pacientes e outras cinco na modalidade de profesionais, o que pon de manifesto o compromiso dos profesionais e da cidadanía.

Os proxectos gañadores aumentan as posibilidades da sanidade pública galega á hora de aplicar proxectos e programas innovadores, así como reforzar a resposta aos retos de futuro, vencellados á atención da cronicidade, o empoderamento do paciente ou a optimización dos recursos, -remarcou o conselleiro-.

Comesaña animou aos asistentes ao acto a participar na vindeira edición, que se celebrará en Ferrol, e que ofrece unha contorna de colaboración con entidades potentes no ámbito da investigación e a innovación. 

Premiados

No marco do evento celebrado hoxe no hospital universitario coruñés, tivo lugar unha mesa redonda moderada polo director de Atención Hospitalaria do CHUAC, e coordinador do nodo de innovación da área coruñesa, Alejandro Ávila Álvarez, na que se presentaron varias iniciativas innovadoras da área. En concreto, as ferramentas UMAX e HMAX, presentada por Lino Carrajo, María de la Cámara, Pedro J. Marcos; un dispositivo innovador multicanal de endoscopia, presentada por Jose Noguera; e a incorporación da impresión 3D no contexto sanitario, presentada por Alberto Centeno.

Nesta edición, como novidade, outorgáronse dous premios en cada unha das modalidades. Na de pacientes, a gañadora foi a proposta presentada pola Fundación Galega de Dano Cerebral FEGADACE “A Saúde Oral, garantía do benestar das persoas con Dano Cerebral Adquirido”, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con DCA, potenciando un correcto mantemento da saúde oral. O encargado de recoller o galardón foi o presidente da Fundación, Luciano Fernández Pintor.

O segundo premio da modalidade de pacientes recaeu sobre o proxecto “Alimentación texturizada”, presentado pola Asociación de pais de persoas con parálise cerebral- ASPACE CORUÑA, cuxa finalidade é favorecer que as persoas con disfaxia poidan ter unha alimentación máis completa, ao incluír alimentos que antes non podían inxerir por ser pouco seguros para elas. Recolleu o premio a súa presidenta, Carmen Barreiro Santos.

As outras tres candidaturas finalistas desta modalidade foron as propostas “A realidade virtual (RV) como ferramenta para o tratamento da dor neuropática na EM” presentada pola Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra; “APP GO TDAH”, proposto pola Fundación INGADA; e “Telenutrición e enfermidade renal”, presentada pola Asociación ALCER Ourense.

En canto á modalidade de profesionais, o gañador desta edición foi Frank Alberto Betances Reinoso, co seu proxecto “Asistente virtual para rehabilitación e terapia de linguaxe”, que propón a dixitalización e desenvolvemento dun programa de estimulación temperá baseado nun asistente virtual que permita guiar aos pais para implementar programas de estimulación e rehabilitación domiciliaria.

O segundo premio recaeu na proposta “Proxecto para a implantación de asistencia domiciliaria en nenos no marco dun programa de coidados paliativos”, presentado por   Paula Buyo Sánchez, Ana Alas Barbeito e Gema Muñoz García, e que propón a creación dunha unidade transversal formada por pofesionais con formación específica en Coidados Paliativos Pediátricos, e que desenvolvan parte do seu labor asistencial en diferentes subespecialidades, como oncoloxía infantil, neuropediatría e coidados intensivos pediátricos, incluíndo a asistencia presencial, telefónica e no domicilio.

As outras tres ideas que resultaron finalistas foron “Deseño e implementación dun chatbot para o diagnóstico e tratamento da migraña (MIGRA-GAL)”, presentada por Daniel Apolinar Estévez; “TELEA en seguimento nutricional de pacientes institucionalizados en residencias sociosanitarias”, cuxos autores foron Natividad Lago Rivero, Inés Castro Núñez, Beatriz Mantiñan Gil e Noemia Martínez López de Castro; e “Dispositivo portátil para terapia fotodinámica ungueal domiciliaria”, proposto por Pedro Gil Pallares, e Cristina de las Heras Sotos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2023