O DOG publica a convocatoria de axudas para a nova participación de produtores en réximes de calidade

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución coas bases da convocatoria, que contempla como subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación

Os interesados poderán solicitar estas achegas dende hoxe ata o vindeiro 26 de maio

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan as axudas de 2023 á nova participación de agricultores e gandeiros en réximes de calidade, cun orzamento que ascende a case 278.000 euros.

Poderán ser beneficiarios os titulares de explotacións agropecuarias que se incorporasen a un determinado indicativo de calidade despois do 18 de novembro de 2015 e que cumpran a condición de agricultor activo. No caso da produción ecolóxica, tamén poderán recibir axuda aqueles que xa tiveran actividade e que incorporen agora algunha nova orientación produtiva.

Na valoración dos expedientes, vanse primar aquelas solicitudes de agricultores que se incorporen por vez primeira ao réxime da agricultura ecolóxica ou que incorporen por primeira vez novas orientacións produtivas nese réxime de calidade. Tamén terán preferencia aqueles produtores que se incorporen por primeira vez a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas rexistradas nos últimos anos, as persoas mozas incorporadas á actividade, os titulares de explotacións que se sitúen en zonas de montaña e as solicitudes presentadas por mulleres.

Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), poden solicitarse dende hoxe ata o vindeiro 26 de maio de 2023. Cabe sinalar que para esta convocatoria serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio de 2022 ata o 30 de abril de 2023.

 

Data de actualización: 18/04/2023