A Xunta organiza un encontro informativo na delegación territorial de Ferrol sobre a orde de axudas para eficiencia enerxética en empresas turísticas

A sesión terá lugar o próximo mércores 19 de abril, ás 12.30 horas, no salón de actos da planta baixa do edificio e estará aberta a todas as persoas interesadas

Ferrol, 17 de abril de 2023

A Delegación Territorial da Xunta en Ferrol acollerá o próximo mércores 19 de abril, un encontro informativo sobre a orde de axudas de eficiencia enerxética para establecementos turísticos convocadas por Turismo de Galicia.

A sesión, aberta a todas as persoas interesadas, terá lugar ás 12.30 horas da mañá no salón de actos da planta baixa. Estas achegas están dirixidas a pequenas e medianas empresas que sexan propietarias de edificios destinados a aloxamentos turísticos nos que están incluídos hoteis, pensións, casas rurais e albergues e apartamentos turísticos, quedando excluídos aqueles establecementos de aloxamento que ocupen parcialmente un edificio.

As actuacións subvencionables poden consistir na mellora da envolvente térmica (inclúese o illamento de muros de fachada, substitución de cubertas e ventás); utilización de enerxías renovables, ou cambios no sistema de iluminación, climatización, ventilacións ou auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovables e/o calor residual para complexos turísticos de varios edificios.

As actuacións deberán contar cunha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% respecto á situación de partida e coa mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono. O prazo de presentación de solicitudes remata o 2 de maio.

Data de actualización: 17/04/2023