A Xunta de Galicia pon en valor a especialización intelixente como estratexia para aumentar o impacto das políticas de I+D+i

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, interveu esta mañá nunha mesa redonda sobre fendas rexionais no II Foro de Innovación e Desigualdade da Fundación Cotec en Xixón

Destacou a importancia da especialización intelixente para a mellora da competitividade, prestando especial atención ás prioridades que marca Europa: a transición verde e dixital e co foco nas persoas

Xixón, 17 de abril de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na mesa redonda sobre fendas rexionais no marco do II Foro de Innovación e Desigualdade organizado pola Fundación Cotec para a Innovación en Xixón na que expuxo as principais liñas de I+D+i en Galicia.

Argerey destacou a valía da especialización intelixente como ferramenta para a mellora da competitividade e a diminución da desigualdade, tratando de prestar especial atención ás prioridades que marca a Unión Europea para aumentar o impacto das políticas de I+D+i a través da nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia: a transición verde e dixital e co foco nas persoas.

A directora da Axencia Galega de Innovación apuntou que un dos puntos fortes do ecosistema galego de innovación é o grao de cooperación das pemes en materia de innovación. Precisamente, Galicia no período 2004-2016 pasou de estar entre o 25% de rexións con pemes menos colaborativas da Unión Europea (UE) a formar parte do 50% de rexións máis colaborativas.

Pararelamente á concentración dos recursos nos retos e tecnoloxías identificadas como prioritarias para Galicia, a directora de Gain informou de que Galicia dispón dun mapa de apoios á I+D+i adaptado ás necesidades de cada un dos axentes do ecosistema galego de innovación, especialmente das pemes, a cada ámbito de especializacion e ás singularidades do territorio. Neste último caso, puxo como exemplo o Polo Aeroespacial de Galicia, con epicentro en Castro de Rei (Lugo).

Por último, destacou o papel da Contratación Pública de Innovación (CPI) na redución das desigualdades, na medida en que permite modernizar os servizos públicos e mellorar así a calidade de vida das persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023