Rueda remata mañá a súa viaxe a América mantendo encontros con empresarios e inversores en México co obxectivo de reforzar as alianzas económicas con Galicia

Subliña a importancia dos emprendedores galegos no tecido empresarial mexicano e recoñece o seu labor como “embaixadores” da “Galicia do presente e do futuro”

Animará a investir nunha comunidade galega que ofrece “moitas oportunidades” pola súa estabilidade, a “situación xeográfica privilexiada” e estar a consolidarse en sectores estratéxicos como as enerxías renovables

Ademais reunirase coa colectividade galega no país e asistirá a unha representación teatral, coproducida polo Centro Dramático Galego e a Compañía Nacional de Teatro de México
 

Cidade de México (México), 16 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comeza hoxe a recta final da súa viaxe a América con dúas xornadas en México de marcado carácter económico. O titular do Goberno autonómico manterá varios encontros con empresarios e inversores co obxectivo de reforzar as alianzas económicas e comerciais coa comunidade galega e atraer novos investimentos. “Galicia é un lugar de moitas oportunidades. Quen queira investir e facelo con seguridade é o momento de facelo en Galicia”, indicaba onte antes de partir cara México desde Venezuela, a segunda parada deste periplo que iniciou o pasado mércores en Panamá.

Rueda celebrará mañá un almorzo con representantes do tecido empresarial en México interesados nos distintos proxectos industriais nos que se está a traballar en Galicia. Trátase de empresarios mexicanos, españois e tamén galegos que desenvolveron importantes iniciativas no país ao que emigraron. “Os galegos teñen una presencia moi potente no tecido empresarial mexicano. Son os mellores embaixadores do carácter emprendedor dos galegos e do que é a Galicia do presente e do futuro”, indicou o presidente da Xunta.

Rueda trasladará a estes empresarios a importancia de seguir a estreitar lazos entre ambas rexións ante a oportunidade que supón Galicia como referente en sectores que van ser claves na economía dos vindeiros anos coma as enerxías renovables.

O presidente tamén se reunirá con inversores mexicanos aos que transmitirá o interese da Xunta por atraer proxectos industriais innovadores e estratéxicos a Galicia. Nesta liña, presentará as diferentes iniciativas que ten en marcha a Xunta para apoiar os investimentos empresariais na comunidade. “Galicia aporta o que creo que están buscando agora moitos dos inversores: seguridade xurídica -a través de leis e estímulos que favorecen a implantación empresarial e reducen os prazos administrativos-; ser unha comunidade que crece e ter unha situación xeográfica privilexiada para o desenvolvemento de novas industrias como as vencelladas á enerxía”, indicou.

Antes dos encontros de carácter económico, Rueda manterá contactos coa colectividade galega en México e asistirá á representación dun espectáculo teatral no Centro cultural de España en México, froito do traballo conxunto entre artistas galegos e mexicanos.

O presidente da Xunta asistirá esta tarde á Festa tradicional da Ramallosa que se celebrará no Centro galego de México, onde coñecerá ademais de primeira man as actividades e apoios que ofrece esta entidade aos galegos no exterior. E pola noite, Rueda acudirá á función ‘Canta máis luz, máis sombra’, coproducida polo Centro Dramático Galego e a Compañía Nacional de Teatro de México.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2023