O presidente visitou as instalacións da Hermandad Gallega de Venezuela e asistiu a un encontro cultural con agrupacións de diferentes centros galegos do país

Rueda destaca o gran labor das entidades galegas no exterior para promover e difundir a cultura da comunidade e atender ás necesidades da colectividade noutros países

Asegura que a Galicia exterior “palpita coa mesma forza” que a comunidade galega

Agradece o traballo diario dos que se integraron plenamente nos países de destino sen esquecer as súas orixes

A Xunta busca facilitar o retorno de ata 30.000 galegos do exterior coa Estratexia Galicia Retorna
 

Caracas (Venezuela), 15 de abril de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou onte o gran labor que realizan as entidades galegas no exterior tanto para promover e difundir a lingua e cultura propia da comunidade como para atender ás necesidades da colectividade galega noutros países. “Nestes centros represéntase e vívese a nosa terra. A Galicia exterior palpita, como mínimo, coa mesma forza que a Galicia da que todos saímos e a que todos nos debemos”, sinalou.

Rueda iniciou unha xornada “especial e emotiva” centrada na colectividade galega cunha visita ás instalacións da Hermandad Gallega de Venezuela que apoia aos galegos en Caracas desde hai máis de 60 anos. Rueda visitou o Colexio Castelao, que se creou na década dos anos sesenta para ofrecer unha educación de calidade aos fillos dos galegos que emigraban a Caracas e que continúa a ser fundamental para promover a lingua e cultura galegas entre os máis de 400 alumnos matriculados no centro, dos que a metade son descendentes de galegos.

Ademais, percorreu as instalacións do centro de día Santiago Apóstol, no que máis de 40 maiores reciben a atención sociosanitaria que precisan e a Oficina de benestar e asuntos sociais nos que a Hermandad informa e asesora sobre todas as axudas e programas que ten en marcha a Xunta para os galegos no exterior.

Por outra banda, xa pola noite, Rueda asistiu a un acto cultural no que participaron membros de diferentes agrupacións dos centros galegos en Venezuela e que culminou cun concerto da gaiteira galega Susana Seivane. O presidente agradeceu o papel que teñen estas entidades para difundir “o amor” pola música, a cultura e a lingua galega a persoas de diferentes xeracións desde hai décadas.

Resaltou ademais que os centros de galegos no exterior son “unha parte de Galicia, nos que te sentes como alí” e agradeceu a todos os que traballan nestas entidades a súa capacidade para integrarse plenamente no país de destino sen esquecer as súas orixes.

Estratexia Galicia Retorna

Durante a súa primeira visita como presidente da Xunta a Venezuela, Rueda tamén participou nunha charla sobre a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, a folla de ruta coa que o Goberno autonómico busca facilitar o retorno á comunidade de ata 30.000 galegos no exterior nos vindeiros catro anos. A Estratexia conta con ata un centenar de medidas para apoiar aos que desexan volver a súa terra.

A Estratexia mantén algunhas iniciativas como as bolsas BEME -dirixidas a que galegos no exterior poidan estudar un mestrado nalgunha das universidades da comunidade-, as axudas para facer fronte aos gastos iniciais do traslado á Galicia ou a liña de achegas para incentivar o emprendemento entre os galegos retornados. Pero, ademais inclúe novas medidas como o programa Retorna Cualifica Emprego polo que a Xunta vai impulsar a contratación de ata 400 galegos no exterior en sectores nos que hai vacantes que non se cobren cos residentes en Galicia.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2023