O conselleiro do Medio Rural participou na 7ª edición do Galicia Market Place, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo

A Xunta impulsa a futura Lei da calidade alimentaria para poñer en valor e salvagardar a excelencia e o prestixio dos produtos agroalimentarios galegos

José González sinalou que o obxectivo fundamental desta nova lei será que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado e favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva

O conselleiro explicou aos empresarios a importancia da Lei de recuperación da terra agraria e o papel que xoga a reestruturación parcelaria na loita contra o minifundismo
 

Vigo, 14 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que a Xunta impulsa a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia para poñer en valor e salvagardar a excelencia e o prestixio dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade. Fíxoo no contexto do Galicia Market Place, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo e no que se degustaron produtos galegos de calidade certificada.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural -que estivo acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos- tamén sinalou a importancia da Lei de recuperación da terra agraria, indicando que o obxectivo fundamental é a posta en marcha de mecanismos para a loita contra o abandono, coma os polígonos agroforestais, que permiten poñer en produción áreas de terra con boa capacidade produtiva que co tempo alcanzaron estados de abandono, e as aldeas modelo, cuxa intención é devolver ás aldeas o papel protagonista que tiveron no rural. Nesa liña, destacou que xa se levan mobilizado arredor de 10.000 hectáreas mediante estas figuras e as permutas.

Tamén destacou que as concentracións parcelarias están a supor un aumento substancial da base territorial das nosas explotacións, e que -xunto co Plan de pastos e o Programa de recuperación de soutos tradicionais- se busca afondar na recuperación dunha cantidade decisiva de terra agraria produtiva en beneficio directo do noso rural. En total, desde 2020 recalcou que se levan recuperado arredor de 35.000 hectáreas en Galicia.

Neste mesmo sentido, José González sinalou que esta adecuada ordenación e xestión do territorio é o antecedente da implantación dunha actividade sostible e rendible no rural. Así, dixo que, a futura Lei da calidade alimentaria servirá de impulso ás certificacións de calidade xa existentes que permiten promocionar e protexer toda a produción de calidade do territorio galego. Actualmente hai dispoñibles 37 selos de calidade que acreditan, identifican e posicionan -dixo- os produtos galegos.

Así, González, insistiu na importancia das estratexias sectoriais e no labor da Xunta por fomentar a dinamización de tres eixes produtivos fundamentais do agro galego: o sector lácteo, o vitivinícola e o cárnico, cuxa calidade sitúan a Galicia nunha rexión de referencia. O conselleiro dixo que se seguirá nesa senda, ao tempo que resaltou os obxectivos no seo do Plan Forestal de Galicia 2021-2040.

Cabe engadir que a cargo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria están presentes, no Galicia Market Place, os viños, augardentes, licores tradicionais, queixos e meles premiados nas Catas de Galicia 2022 e poderán degustarse outros produtos de calidade de indicativos como a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego ou do selo Artesanía Alimentaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023