A Xunta formará a 50 persoas para exercer de guías especializados no Parque Nacional das Illas Atlánticas

O curso, que comeza a impartirse mañá e se prolongará ata o vindeiro mes de outubro, permitirá que diferentes perfís profesionais consigan a acreditación necesaria para poder dar a coñecer os principais valores deste espazo natural entre os seus visitantes

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2023

Un total de 50 persoas participarán a partir de mañá nunha actividade formativa gratuíta que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

 

O curso, no que colabora a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estenderase ata o 14 de xuño e consiste en 70 horas de instrución mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. Esta primeira fase teórica será complementada cunha parte práctica obrigatoria de 30 horas de duración. Neste caso, será presencial e terá lugar nas propias illas entre o 2 e o 5 de outubro.

O obxectivo é ofrecer ás persoas interesadas a formación necesaria para poder exercer axeitadamente o labor de guía no Parque Nacional, razón pola que está enfocado en dar aos participantes as ferramentas, técnicas e bases conceptuais imprescindibles para o desenvolvemento de actividades didácticas e a dinamización de grupos.

Entre os 50 inscritos, procedentes das catro provincias, existe unha grande variedade de perfís profesionais aínda que a maioría desenvolven a súa actividade nalgún ámbito relacionado, de forma directa ou indirecta, co sector turístico da área de influencia das Illas Atlánticas. En concreto, participarán informadores en puntos de atención turística, guías, técnicos de concellos ou de organismos vinculados ao sector, traballadores das navieiras que operan o transporte aos arquipélagos, ou persoal de hostalería.

En todo caso, tamén hai algúns profesionais procedentes doutras disciplinas —como ornitólogos, biólogos, licenciados en ciencias do mar, arqueólogos, etc.— interesados en lograr a capacitación necesaria para poder especializarse na difusión dos principais valores que atesouran as Illas Atlánticas.

Contido e estrutura do curso

A formación teórica afonda en materias relacionadas coa lexislación correspondente e o Plan reitor de usos e xestión do Parque Nacional. Tamén trata cuestións relativas á fauna, á flora e ao medio mariño dos catro arquipélagos, así como do seu patrimonio cultural, histórico e etnográfico ou das rutas existentes nas illas, incluíndo unha serie de recomendacións específicas para garantir que as persoas con diversidade funcional teñan unha mellor experiencia durante a súa visita.

A formación, ademais, inclúe unha parte de carácter xenérico sobre actividades nos espazos protexidos e a rede de parques nacionais, así como un módulo relacionado coa educación ambiental e a interpretación do patrimonio e unha unidade didáctica centrada no deseño e comunicación de mensaxes nas visitas guiadas interpretativas.

Nun senso máis amplo, a actividade tamén pretende concienciar aos asistentes da necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como da importancia do labor dos guías profesionais na súa transmisión.

Data de actualización: 16/04/2023