A Xunta actualiza os contidos da plataforma pro RSE coa que se facilita ao tecido empresarial a súa transformación sustentable

A través da ferramenta Xunta Pro RSE, as empresas dispoñen de axuda para a posta en valor das súas iniciativas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e sustentabilidade e para avaliar a súa situación neste ámbito

As actualizacións están xa á disposición de todas as empresas rexistradas na plataforma, así coma para todas aquelas que desexen adherirse
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade acaba de actualizar os contidos da plataforma Xunta Pro RSE, unha ferramenta que a Administración autonómica pon á disposición do tecido empresarial de xeito gratuíto para que as empresas interesadas poidan levar a cabo unha autoavaliación da súa situación en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e sustentabilidade.

Esta actualización, que xa está dispoñible na plataforma para todas as empresas rexistradas, así coma para aquelas que desexen adherirse, busca axudar ás compañías galegas no proceso de transformación sustentable e dixital. Xunta Pro RSE é de acceso universal e gratuíto e permite, polo tanto, avaliar o estado da empresa, así como tamén reportar iniciativas e indicadores das actuacións en materia de RSE e sustentabilidade.

Xunta Pro RSE permite ás empresas, en todo momento, identificar os seus puntos fortes e débiles e as áreas de mellora, e o estado das súas actuacións, así como o nivel de cumprimento destas, de acordo aos seus obxectivos responsables. Con esta actualización complétanse os traballos desenvoltos para facilitar que as organizacións poidan dar conta do seu desempeño social, medioambiental e de bo goberno a través das versións vixentes para as diversas modalidades de reportes. A nova versión desta ferramenta segue a estar dispoñible por medio do sitio web de Responsabilidade Social Empresarial https://rse.xunta.gal/.

En materia de RSE, a Xunta acaba de aprobar a nova Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial 2023-2025 con 25 accións que se dirixen a empresas, persoas traballadoras autónomas, administración e cidadanía en xeral. A través da mesma, búscase transformar os modelos de negocio, a sensibilizar á empresa en materia de transparencia e desenvolver contornas de traballo inclusivas.

Data de actualización: 15/04/2023