A Xunta pon en marcha os grupos focais do ámbito da atención hospitalaria no marco da campaña “Contorno de traballo saudable”

No mes de marzo reuníronse os do ámbito da atención primaria

Ata hoxe xa se celebraron 12 grupos focais, aos que asistiron máis de 200 profesionais de todas as áreas sanitarias

A finalidade deste proceso é escoitar ao persoal e cos resultados deseñar medidas que contribúan a continuar mellorando a organización e o seu benestar
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2023

A Xunta de Galicia está a levar a cabo as reunións cos 33 grupos focais que conforman unha nova fase do proceso de avaliación de riscos psicosociais no Sergas. Estes grupos están integrados por 20 profesionais seleccionados ao azar dentro dos distintos perfís profesionais, co obxectivo de clarificar e interpretar os resultados obtidos a través do cuestionario “Contorno de traballo saudable”, e para colaborar na proposta das medidas organizacionais que permitan seguir avanzando no obxectivo de gañar en benestar e saúde laboral. 

Durante o mes de marzo esta acción, liderada pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, reuniu os grupos do ámbito da atención primaria e, esta semana, comezaron os correspondentes ao ámbito da atención hospitalaria. 

Na actualidade, xa se celebraron 12 grupos focais aos que asistiron máis de 200 profesionais de todas as áreas sanitarias. 

A partir da análise e discusión nestes grupos dos resultados obtidos nas 32.100 respostas individuais ao cuestionario, ao que se engadirán outros datos e información relativa aos equipos de traballo na organización -obtida mediante enquisas á liña de mando da organización-, deseñaranse os plans e as novas medidas que permitan cambios organizativos, co ánimo de crear espazos de traballo máis saudables e humanizados. 

O devandito cuestionario estivo a disposición de todo o persoal do Sergas desde o pasado mes de novembro ata o 31 de xaneiro do presente ano. Así, estivo acompañado dunha campaña de comunicación e difusión na que se contou con distintos soportes gráficos e informativos deseñados especificamente (cartelaría, banners, folletos, SMS, etc.). Neste senso, conseguíuse unha importante participación ao responder case o 75% do persoal, e rexistrarse 32.100 respostas dos profesionais.                                     

Este plan de acción está integrado dentro do proceso para a avaliación de riscos psicosociais de todo o persoal; e enmárcase na liña de escoita activa do Plan de atención e apoio ao persoal da sanidade e no Proxecto ConVIVE para a mellora da convivencia e atención do persoal que integra o Servizo Galego de Saúde.     

Data de actualización: 16/04/2023