A Xunta organiza no Grove unha sesión dos Venres dos Polos para poñer en valor o talento emprendedor da mocidade galega

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na apertura desta xornada organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas

O Grove (Pontevedra), 14 de abril de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe en San Vicente do Mar (O Grove) na apertura dunha das actividades dos Venres dos Polos, unha iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para fomentar o intercambio de coñecemento e por en valor o talento emprendedor da mocidade galega.

A sesión, organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas, contou co relatorio de Alberto Gallego, fundador de Rutearte, quen falou da súa experiencia emprendedora. Viviu 7 anos en Perú, e estivo en 4 continentes e máis de 30 países descubrindo moitos recunchos. A súa experiencia viaxeira complementouna con formación en turismo, converténdose en experto planificador de destinos e produtos turísticos de profesión.

A actividade tamén se enmarca na Semana do Emprendemento que está a celebrar a Xunta estes días (a programación remata o vindeiro luns 17 de abril) para dar a coñecer o servizo de asesoramento permanente e personalizado que se está a prestar á cidadanía desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Deste xeito, a Semana do Emprendemento finalizará cunha actividade que terá lugar no Polo Ourense Centro e Sur baixo o título Speed dating, que busca lograr entre as persoas emprendedoras unha comunidade máis forte e que poidan comprobar a súa capacidade para poder presentar o seu proxecto de maneira práctica.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade puxo e marcha esta Rede para apoiar ás persoas emprendedoras cos seus proxectos empresariais en todas as súas etapas, desde o inicio ata o fin. Na actualidade, están en activo oito polos dos 15 que conformarán a iniciativa.

Así, están en funcionamento os de Lugo Sur, no que se presta este servizo a nove concellos do sur da provincia; Costa da Morte, que dá cobertura a 29 concellos; Rías Altas e Arco Ártabro, que presta desde Ferrol asesoramento a 40 concellos das comarcas da contorna (A Coruña, Ferrol, Eume, Betanzos e Ortegal); Pontevedra Norte e Rías Baixas, que presta desde Silleda apoio ás persoas emprendedoras de 25 concellos da contorna; Ourense Centro e Sur, con sede en Verín; A Mariña en Mondoñedo, que presta servizo aos 15 concellos das comarcas A Mariña Central, Occidental e Oriental; Montaña Lucense, que desde A Fonsagrada dá cobertura a 16 municipios; e Miño Central, con sede no Carballiño, desde o que presta servizo a 48 concellos de cinco comarcas (Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro e Terras de Celanova).

Data de actualización: 14/04/2023