A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a zona na que se desenvolve a iniciativa

A Xunta comproba a boa evolución do proxecto de recuperación dunha planta ameazada en Corrubedo logo da floración dos primeiros exemplares

Ángeles Vázquez pon en valor que esta floración supón un grande avance de cara á recuperación dunha especie que pode considerarse un dos elementos máis carismáticos da biodiversidade do sistema dunar deste espazo natural

Ribeira (A Coruña), 14 de abril de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprobou hoxe a boa evolución do proxecto que desenvolve a Xunta coa Universidade de Santiago de Compostela para a recuperación da especie ameazada Iberodes Littoralis no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Durante unha visita á zona na que se desenvolve esta iniciativa, a conselleira puxo en valor que a floración dos exemplares da especie reintroducida supón un grande avance de cara á recuperación dunha especie que pode considerarse un dos elementos máis carismáticos da biodiversidade do sistema dunar do parque.

Ángeles Vázquez explicou que para chegar a esta fase o equipo da USC, coa colaboración sobre o terreo de persoal do Parque, repoboou un total de 20 parcelas duns 3 metros cadrados de superficie cada unha en base a uns estudios previos que permitiron realizar unha selección das áreas máis idóneas para o desenvolvemento da especie e con maior idoneidade de hábitat.

Logo de subliñar que xermolaron ao redor do 30% das sementes implantadas e que floreceron moitos dos exemplares, a conselleira indicou que o seguinte paso deste proxecto consistirá en comprobar a capacidade das novas plantas para producir sementes viables que pechen o ciclo biolóxico da especie e aseguren a permanencia da especie na contorna. Cómpre lembrar que o último rexistro que se tiña desta especie databa do ano 2007, cando foran localizados pouco máis de 120 exemplares.

O Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán ten unha grande importancia na preservación do medio ambiente ao ser unha das principais zonas dunares de Galicia. De feito, alberga a maior duna móbil da Comunidade. Ademais, é fundamental o seu papel como receptor de aves migratorias e como zona de reprodución e invernada das mesmas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023