A Xunta informa en Lugo da convocatoria de axudas para mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas

A Delegación Territorial acollerá o martes unha sesión aberta a todos os interesados para explicar aspectos como as actuacións subvencionables ou a intensidade das achegas

 

Lugo, 15 de abril de 2023

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá o vindeiro martes, día 18, unha sesión informativa sobre as axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas convocadas por Turismo de Galicia.

 

Terá lugar no salón de actos a partir das 10.00 horas e está aberta a todas as personas interesadas. As achegas poden solicitarse para o acondicionamento de hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos, tanto por parte dos propietarios do edificio como das empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias, que deben ser en todo caso Pemes Inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).

 

As actuacións subvencionables poden consistir na mellora da envolvente térmica, utilización de enerxías renovables ou cambios no sistema de iluminación, cun custe elixible mínimo do proxecto de 5.000 euros. Polo tanto, inclúense o illamento de muros de fachada e cubertas, a substitución de vidros e carpintarías, ou a instalación de enerxía xeotérmica, térmica e biomasa, entre outras.

 

Un proxecto pode conter unha ou varias intervencións, da mesma ou diferente tipoloxía; en función diso, a intensidade da axuda oscilará entre o 20% e o 90%.

 

O conxunto das medidas debe alcanzar unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% respecto á situación de partida, e mellorar a cualificación enerxética total do edificio. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 2 de maio.

Data de actualización: 15/04/2023